Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva", coa calidade de sempre das Conservas Pescamar e un dos peixes en lata máis exquisitos e demandados: a xarda.
A cabala ou xarda é un dos peixes azuis máis apreciados polo seu alto contido en ácidos graxos omega-3, moi indicados nunha dieta saudable.
Para preparar este delicioso Pudin de vexetais con filetes de xarda Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas de filetes de cabala do sur en aceite de xirasol Pescamar
- 2 patacas grandes
- 1 cabaciña
- 2 cenorias grandes
- 1 cebola
- 1 pemento
- 8 tomatiños cereixa
- aceite
- 2 ovos enteiros
- 5 xemas de ovo
- 40 g. de manteiga
- 0,5 l. de leite
- 1 vaso de nata líquida
- 1 limón
- 3 culleradas de fariña
- Sal
- Pementa
- Noz moscada
Preparación:
Cocemos as patacas e as cenorias previamente cortadas en toros. Cando estean brandas, esmagámolas ata convertelas en puré.
Nunha tixola, poñemos un pouco de aceite e refogamos a cebola picada. Cando estea transparente, engadimos a cabaciña cortada en anacos e o pemento en tiras finas e deixamos que se fagan.
Mesturamos as dúas preparacións anteriores e engadímoslle as 2 latas de filetes de cabala do sur en aceite de xirasol Pescamar. Reservamos.
Preparamos a bechamel mesturando a manteiga, a fariña e o leite. Cocemos a mestura a lume lento e removemos ata conseguir unha salsa cremosa. A continuación, engadimos sal, pementa e noz moscada, ao gusto.
Batemos os dous ovos enteiros xunto coas 3 xemas e poñémolos nun recipiente. Engadimos a mestura que reservamos.
Incorporamos as 2 xemas restantes á bechamel e vertemos algo máis da metade da bechamel enriba do puré.
Untamos un molde con manteiga, incorporamos a preparación anterior e decoramos coas metades dos tomatiños cereixa.
Quentamos o forno a 200º C durante uns minutos e, cando estea quente, poñemos o molde no forno ao baño maría. Baixamos a temperatura a 180º C e deixamos cocer durante unha hora e cuarto.
Engadimos a nata líquida á bechamel restante, poñemos sal, pementa, noz moscada e unhas pingas de zume de limón.
Para saber se a receita está lista, picamos o pudin cun coitelo ata que ao sacalo quede limpo.
Para servir, levámolo á mesa no mesmo molde do forno, procurando que estea quente.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva", de Conservas Pescamar.