Este venres o Diario Oficial de Galicia publica a aprobación definitiva do estudo de viabilidade do aparcamento do Novo Montecelo.
A Xunta recibía catro alegacións, unha do Concello de Pontevedra e tres procedentes de particulares. O Concello non presentaba ningunha obxección ao estudo de viabilidade e os particulares referíanse a cuestións de expropiación, que serán tramitadas posteriormente.
O Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal que desenvolve o Plan Director reserva para a construción un espazo de 34,8 hectáreas. O proxecto establece unha necesidade de dotación de prazas de aparcamento dunha por cada 100 metros cadrados, o que supón 1.281 prazas vinculadas ao hospital distribuídas 212 prazas de dominio público no aparcamento en superficie actual, así como outras 49 na contorna do centro hospitalario. A elas sumaranse as 892 prazas do novo aparcamento. Ademais, execútase un aparcamento en Urxencias durante este proceso de ampliación de Montecelo con 128 prazas.
Estará estruturada con catro plataformas agrupadas de dúas en dúas, abertas e comunicadas entre elas con circulación en anel para resolver os desniveis do terreo en ladeira. Instalaranse cinco accesos peonís desde o exterior ás plantas de estacionamento.
Segundo manifesta a Xunta, o obxectivo é que o aparcamento estableza unhas tarifas equivalentes ás que se aplican en aparcamentos como o do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo.
A principal fonte de ingresos da concesionaria durante os 25 anos que se establecen de contrato procederá da explotación das prazas rotativas do aparcamento, unha cantidade económica que, segundo a administración autonómica, "non é suficiente para permitir a amortización do investimento e a explotación do servizo".
Por este motivo, expoñen, a Xunta de Galicia realizará un "esforzo económico adicional" achegando durante a fase de construción un 37,96% do investimento cunha cifra que supera os 3.589.922 euros. Tamén se entregará unha subvención de explotación por un total de 440.000 euros anuais actualizables do mesmo xeito que as tarifas para cubrir o déficit previsto.
No modelo de financiamento inclúense ingresos procedentes da carga de vehículos eléctricos. Cada punto de carga será utilizado de media tres horas diarias, durante 250 días ao ano cun consumo de 20 kw hora. Considérase por parte da administración que a demanda real deste servizo é dun 30% da estimada no primeiros cinco anos, un 50% durante os dez anos seguintes e o 80% os restantes.