O PSOE propón bonificacións no IBI para vivendas en alugueiro e observa un declive do ocio no centro histórico

Pontevedra
17 de marzo 2025
Actualizado: 14:45

Iván Puentes, portavoz socialista en Pontevedra, presentou a moción que se debatirá no vindeiro pleno onde demanda rebaixas fiscais para facilitar o acceso á vivenda e fomentar enerxías renovables

O PSOE propón bonificacións no IBI
O PSOE propón bonificacións no IBI / PSOE Pontevedra

O portavoz municipal socialista, Iván Puentes, presentou unha moción que será debatida no vindeiro pleno municipal, previsto para o luns da próxima semana. A iniciativa busca aplicar rebaixas fiscais para facilitar o acceso á vivenda e fomentar as enerxías renovables.

Puentes recordou que hai un ano, o 18 de marzo, o pleno aprobou por unanimidade unha moción socialista para iniciar os trámites que declarasen Pontevedra como zona de mercado residencial tensionado.

"Seguimos agardando a que o goberno municipal complete eses trámites ou dea conta dalgún avance", lamentou.

A nova proposta do PSOE céntrase en aplicar o artigo 74.6 da Lei de Facendas Locais, que permite aos concellos establecer bonificacións de ata o 95% na cota do IBI para vivendas destinadas a alugueiro con renda limitada.

"Pedimos ao goberno municipal que en paralelo a que se completen os traballos para declarar Pontevedra como zona tensionada, comprometidos para rematar neste ano 2025, se vaia estudando a posibilidade de modificar a ordenanza fiscal que regula o IBI", explicou o portavoz socialista.

Segundo os datos achegados por Puentes, en Pontevedra existen aproximadamente 6.000 vivendas baleiras, que representan arredor do 15% do parque inmobiliario da cidade.

"Estamos falando de 6.000 propietarios que poderían beneficiarse de bonificacións fiscais tanto no IBI como no IRPF", sinalou.

A segunda parte da moción propón aplicar unha bonificación do 50% no IBI para aqueles inmobles con instalacións de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar, tal como permite o artigo 74.5 da Lei de Facendas Locais.

"Temos cada vez máis propietarios que afortunadamente dan o paso para instalar placas solares, tanto térmicas como fotovoltaicas. Fan un desembolso importante, pero non gozan de ningún tipo de axuda nin bonificación por parte do Concello de Pontevedra", subliñou Puentes.

CENTRO HISTÓRICO

O edil socialista tamén destacou unha "illa" na cidade onde non se poden instalar estes sistemas: o centro histórico.

"O Peprica (Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación do Conxunto Histórico- Artístico) non contempla a posibilidade de que se instalen placas solares nos edificios do centro histórico, algo absolutamente discriminatorio e incomprensible desde unha lóxica de loita contra o cambio climático", afirmou.

Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey
Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos ReyPSOE Pontevedra

Puentes propón que se estude a posibilidade de permitir estas instalacións sempre que non sexan visibles desde a vía pública, seguindo o mesmo criterio que xa se aplica para as ventás velux.

Preguntado sobre a situación do ocio nocturno no centro histórico, o portavoz socialista expresou a súa preocupación polo declive tanto do ocio como da hostalería en Pontevedra, tras o anuncio do peche do local Patrimonio na rúa Charino.

"Basta con saír de Pontevedra e ir a Coruña, Santiago, Vigo, Ourense ou Lugo, cidades comparables, e ver que teñen bastante máis oferta de ocio. Mentres noutras localidades a hostalería e o ocio están avanzando e abrindo novos negocios, Pontevedra segue unha senda decrecente", manifestou.

Puentes criticou a paralización de licenzas de ocio nocturno decretada en 2019 e a falta de actualización do Peprica.

"Os locais ou pechan ou se manteñen en condicións de hai 25 ou 30 anos. Isto abócanos á morte lenta da hostalería e do ocio na cidade", advertiu afirmando que o Peprica está desfasado..

O edil socialista propuxo estudar a posibilidade de regular a instalación de locais mediante porcentaxes de uso por zonas ou rúas concretas.

"Non se trata de facer un parque temático na zona vella, cremos no dereito ao descanso e a que o centro histórico sexa unha zona residencial, pero isto é compatible con regular e incentivar a instalación de ocio e hostalería", concluíu.