O PSOE insta ao Concello a colaborar "urxentemente" con Augas de Galicia para executar as zonas inundables en Valdecorvos

Pontevedra
12 de decembro 2024

Os socialistas subliñan que "por primeira vez en décadas" hai unha solución para resolver este problema, polo que cren fundamental desenvolver estas lagoas inundables "á maior brevidade posible"

Parque de Valdecorvos, Pontevedra
Parque de Valdecorvos, Pontevedra / Concello de Pontevedra

O anuncio de Augas de Galicia para a creación de zonas de inundación controlada en Valdecorvos para acabar coas inundacións que, de xeito recorrente, se producen no ámbito de Fernando Olmedo e Casimiro Gómez, foi ben recibido polo PSOE local.

O portavoz socialista, Iván Puentes, celebra que a Xunta asuma o proxecto deseñado polo seu partido no pasado mandato e que xa fora consensuado co goberno autonómico, segundo el mesmo destacou este mércores en rolda de prensa.

Puentes sostén que Pontevedra está ante una "ocasión crucial" para resolver estes históricos asolagamentos, polo que a través dunha moción que presentarán ao pleno municipal instarán ao Concello a colaborar "urxentemente" con Augas de Galicia nesta actuación.

Os socialistas subliñan que "por primeira vez en décadas" hai unha solución "deseñada, orzamentada e cunha perspectiva moi positiva de execución" para resolver este problema, polo que cren fundamental desenvolver estas lagoas inundables "á maior brevidade posible".

Ademais, a moción impulsada polo PSOE reclama que se aproveite esta actuación para restaurar ambientalmente o rego de Valdecorvos, recuperando meandros e elementos etnográficos e creando unha gran zona verde que sexa a "área central" do barrio.

Iván Puentes, que lamentou o ano e medio perdido, celebrou que o tempo "nos deu a razón" cando o BNG afirmaba que estas inundacións "non tiñan solución", apoiando agora o Concello unha actuación "madura, con estudos e cálculos".

O dirixente socialista censurou ademais que o PP, a pesar de que Augas de Galicia tiña intención de impulsar este proxecto, seguira "insistindo no erro" ao manter a súa aposta por "entubar o río" cunha nova tubería pola rúa José Malvar.

"Isto amosa a incapacidade de Rafa Domínguez para poder ser alcalde de Pontevedra", subliñou Puentes, que considera que o líder dos populares na cidade "é incapaz" de plantexar proxectos de futuro para Pontevedra "e ten que emendarlle a plana o seu propio partido".