PSOE e BNG sopran as velas do seu segundo ano á fronte do goberno da Deputación

Pontevedra
14 de xullo 2017

Carmela Silva resume en "máis equidade e máis servizos" o balance de dous anos de goberno na Deputación de Pontevedra

Celebración do segundo aniversario do goberno PSOE e BNG na Deputación de Pontevedra
Celebración do segundo aniversario do goberno PSOE e BNG na Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O salón de actos da Deputación de Pontevedra acolleu este venres a celebración do segundo aniversario do executivo provincial no que a presidenta, Carmela Silva, realizou un balance da súa xestión resumido no lema "máis equidade e máis servizos" e que ten como eixo o "cambio".

Ao acto asistiron os alcaldes de Pontevedra, Vigo, Poio, Lalín, Vilagarcía, Cambados, Barro, Catoira ou Vilaboa, ningún do Partido Popular do mesmo xeito que tampouco asistiron os deputados desta formación. Ademais houbo representantes de empresas, de confrarías, clubs deportivos, asociacións benéficas e culturais.

O longo discurso de Carmela Silva arrancou cunha referencia á relación cos concellos "de igual a igual" con independencia da súa cor política "porque onde hai democracia non hai supremacías", dixo.

Silva tamén se referiu á xestión feita polo Partido Socialista e o BNG , "que pasou de ser oscurantista e irregular á escoita activa da sociedade, á derriba dos privilexios e ao respecto da autonomía", ou como resumiu "pasando do presidencialismo á decisión colaborativa" co "fin da libre disposición e o modelo clientelar".

Tamén o vicepresidente César Mosquera fixo referencia ás prebendas existentes na anterior etapa con Rafael Louzán á fronte da institución, sinalando que "socialmente quen cre ter algún privilexio se se lle corta vai protestar e quen ten dereito á prestación seguramente estará calado" e non dubidou en poñer como exemplo ás protestas contra os reductores de velocidade na que "a inmensa maioría dos veciños están a favor dos lombos".

Case o 40% do seu orzamento anual, preto de 68 millóns de euros, están destinados aos concellos con "criterios obxectivos e bases transparentes", dixo a presidenta nesa idea insistente do "cambio total á institución"  con "novas bandeiras" como a igualdade, a xustiza ou a cultura.

O acto concluíu cunha sorpresa, da man do deputado nacionalista Xosé Leal que levou unha gran torta de amorodos con nata para que todo o goberno provincial soprase as dúas candeas.