Este martes celebrouse a Comisión de Urbanismo do Concello de Poio na que os partidos da oposición, PSOE e BNG, preguntaron ao goberno local por algúns problemas que se están vivindo en Combarro e Raxó.
Así, o Partido Socialista puxo sobre a mesa "as continuas verteduras que se están producindo en Combarro" que "provocan, ademais da contaminación das augas, cheiros insoportables en plena tempada estival".
Esta cuestión xa se tratou no último pleno pero os concelleiros do PSOE insisten porque "pasaron máis de dez días sen solución".
Segundo os socialistas, "as explicacións que se dan desde o goberno na comisión son moi dispares e imprecisas: que só se produce de noite, que o bombeo quedou sen corrente eléctrica, que non saben cal é o problema, e incide na despreocupación e na falta de capacidade do goberno de dar solucións aos problemas".
O PSOE insta o executivo local a tomar medidas urxentes e critican a súa "falta de previsión e de non facer os mantementos e posta a punto necesarios do sistema".
Pola súa banda, a portavoz do grupo municipal do BNG, Marga Caldas, reiterou as queixas dos veciños da rúa de la Iglesia de Raxó por un problema de insalubridade causado pola falta de limpeza dunha leira próxima ás vivendas, situada no camiño de la Iglesia e a PO-308.
O BNG afirma que os veciños da zona levan reivindicando unha solución a este problema desde hai un ano e presentados varios escritos solicitando unha actuación por parte do Concello. Marga Caldas asegurou que "a día de hoxe, a pesar das afirmacións do concelleiro delegado, a situación do veciños de Raxó segue sen resolverse e non recibiron contestación do Concello".
Ante este "claro abandono e inacción do equipo de goberno de Ángel Moldes", desde o BNG instan o goberno local a que "exerza as súas obrigacións en materia de medio ambiente e non abandone á veciñanza de Raxó".