PSOE e BNG desmenten os datos de emprego de ENCE e compárano co milagre dos pans e os peixes

Pontevedra
30 de abril 2019

O pleno da Deputación de Pontevedra rexeitou este martes cos votos do Partido Socialista e do BNG unha moción do Partido Popular na que se pedía o apoio da administración provincial ao mantemento dos postos de traballo da fábrica de ENCE en Lourizán

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O pleno da Deputación de Pontevedra rexeitou este martes cos votos do Partido Socialista e do BNG unha moción do Partido Popular na que se pedía o apoio da administración provincial ao mantemento dos postos de traballo da fábrica de ENCE en Lourizán.

O portavoz do grupo provincial do PP, Ángel Moldes, defendeu que a continuidade da pasteira na ría de Pontevedra é un asunto de "vital importancia para Galicia" e citou como mostra diso a manifestación "histórica" vivida a pasada semana, emprazando á corporación provincial a brindar un respaldo "unánime" a todas as persoas que están "preocupadas por manter os seus postos de traballo".

"No contexto actual só existen dúas posibilidades: ou manter a fábrica onde está ou pechala", sinalou Moldes.

Os portavoces do Partido Socialista e do Bloque coincidiron en desmentir as cifras de traballadores que se están dando sobre a planta de Ence en Pontevedra, segundo repetiu hoxe o PP son: 400 traballadores de maneira directa, 800 de forma indirecta e a outros 5.000 en toda Galicia. Para o vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera, "saen pans e peces por todos lados".

César Mosquera asegurou que a dirección da empresa de celulosas está convencida de que "sae máis barato cambiar a opinión publica que cambiar de sitio a fábrica" polo que "logrou convencer, segundo uns, ou comprar, segundo outros, ao Partido Popular" xa que "obter miles de millóns de beneficio dá para comprar vontades ou cambiar opinións".

O vicepresidente da Deputación repetiu que "Pontevedra merece que se saque iso de aí" e reprochou á compañía Ence que promovese unha "campaña tan descarada e tan violenta contra as forzas políticas que conseguiu o efecto contrario".

Pola súa banda, o portavoz do PSOE, Carlos López Font lembrou a postura do seu partido que "siempre defendió que se pudiera mantener en la provincia pero no en la ría" e insistiu en que "la concesión sobrepasa todos los límites legales" polo que concluíu que "es hora de que la empresa se avenga a buscar una solución: otro emplazamiento en la provincia" e animou aos populares a que "se sumen al discurso de la razón".

Finalmente, o popular Ángel Moldes instou, sen éxito, aos membros do goberno provincial a que "recapaciten e rectifiquen" xa que en caso contrario "vostedes serán os culpables de que miles de traballadores queden sen postos de traballo". "Se Ence estivese en Vigo vostedes estarían a favor de non pechar esta planta", concluíu.

Así terminou o último pleno con contido político da Deputación de Pontevedra no que, salvo esta moción, todos os puntos foron aprobados por unanimidade. Haberá unha sesión plenaria máis pero será só para "pechar actas". A presidenta provincial, Carmela Silva, aproveitou a ocasión para despedirse de todos os seus compañeiros de corporación e agradecer o traballo feito por todos durante este mandato.

Arquivado en