O PSOE cualifica de "estancamento" os orzamentos da Xunta para Pontevedra

Pontevedra
19 de outubro 2024

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, critica o que entende como "escandalosa marxinación dos cidadáns de Pontevedra" nas contas pesentadas pola Xunta de Galicia para 2025

Iván Puentes, voceiro municipal do PSOE en Pontevedra
Iván Puentes, voceiro municipal do PSOE en Pontevedra / Mónica Patxot

Como un xerro de auga fría asegura o portavoz municipal do PSOE en Pontevedra, Iván Puentes, que caeron os orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 presentados este sábado no Parlamento, e que segundo a Xunta reservan 263,2 millóns de euros para a capital provincial, con 97 millóns en investimentos.

"Significan un estancamento, mesmo unha regresión investidora", asegura o socialista defendendo que supoñen "unha escandalosa marxinación dos cidadáns de Pontevedra".

Todo, critican, a pesar de que o presidente autonómico Alfonso Rueda sexa "un veciño ilustre desta vila".

Por iso os socialistas de Pontevedra anuncian a súa intención de presentar unha serie de serie de emendas ás contas "que buscarán reverter a marxinación que padece a nosa cidade".

Nos orzamentos autonómicos para 2025 o PSOE bota en falta, asegura, o proxecto de reurbanización de Monte Porreiro, a restauración ambiental do tramo soterrado do río Gafos, a creación de áreas inundables no arroio de Valdecorvos para mitigar os estancamentos de auga en Fernando Olmedo, o pavillón de ximnasia da Parda, o Plan de Usos do Hospital Provincial e que o Sergas asuma a Unidade de Atención a Drogodependentes (UAD).

"Tamén botamos en falta achegas concretas para acometer a rehabilitación da ponte histórica de Ponte Sampaio e a mellora do Camiño Portugués ao seu paso polo concello", engadiu pola súa banda a parlamentaria Paloma Castro.

Ao mesmo tempo Castro considera "urxente e imprescindible que se destinen cartos a incrementar o persoal HADO (Hospitalización a Domicilio) na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés e o persoal dos centros de Saúde da Parda e Monte Porreiro", así como "o número de educadores da Escola Infantil O Toxo".