PODCAST.- A psicoterapeuta Anabel Gonzalez escribe sobre as secuelas que deixa 'Lo que no pasó'

Pontevedra
25 de febreiro 2025

Esta psiquiatra publica no seu quinto libro unha guía que quere servir de axuda para explorar no interior da persoa e atopar respostas ao malestar emocional. Charlamos con ela no podcast 'Cara a cara'

A psiquiatra e psicoterapeuta Anabel Gonzalez
A psiquiatra e psicoterapeuta Anabel Gonzalez / Javier Ocaña

Anabel Gonzalez é psiquiatra e psicoterapeuta. Coordinou durante anos o programa de trauma e disociación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. É presidenta da Asociación EMDR España e dá cursos sobre esta metodoloxía terapeútica. 'Lo que no pasó. Cómo curar las heridas que nos dejan el abandono, la ausencia y las pérdidas' é o quinto título que publica con Planeta.

Aquilo que sucede na vida dunha persoa pode deixar secuelas emocionais. E o mesmo sucede con aquilo que non chegou a suceder. Chámase abandono, ausencias, perdas... e é nesta parte, naquilo que non pasou, no que se centra esta doutora.

O libro expón algunhas consecuencias recoñecibles desas non vivencias, como resistirse a pedir axuda ou rexeitala, priorizar o compracer a quen está ao redor, querer pasar desapercibidos, dificultade para tomar decisións, desconfianza permanente... formas de comportamento que "poden gardar relación con aqueles espazos baleiros que gardamos no noso interior".

Espazos baleiros que quedan ancorados no cerebro porque "ao comezo da vida necesítase recibir afecto, crecer con esa cerencia pode influír ao longo de toda a vida, pensar que non o merecemos, que non somos importantes e mesmo por unha migalla de afecto aferrarse a unha relación daniña", explica durante a charla que mantemos no podcast 'Cara a cara'.

Tamén fala dos pensamentos, de como estes inflúen na forma en que percibimos a realidade e no comportamento. "O que vemos e dicímonos está filtrado. A nosa atención fíxase en determinados aspectos e omitimos toda a información. E aquilo que nos fai dano, vémolo por exemplo con máis atención", argumenta.

Recomenda o libro "a toda aquela persoa que sinta curiosidade por entender como se forma a mente, como funcionamos e como podemos facer cambios para evolucionar".

De igual forma, a autora recomenda ás persoas "con feridas profundas" que entren nesta lectura "sen debordarse, senón sendo comprensivos consigo mesmos, que poidan ir reconstruíndo, que vaian escribindo mentres van lendo e que teñan a idea de ir construíndo neses ocos".