A comisión de seguimento do convenio entre Zona Franca, Concello de Cuntis e Solo Empresarial do Atlántico (SEA) confirmou o avance da primeira fase do plan de sectorización para dotar de máis solo industrial ao parque empresarial da Ran.
Segundo anunciaron, o proxecto de urbanización definitivo, redactado por Tragsa, estará listo antes de final de ano para poder tramitar a súa aprobación.
A esta reunión celebrada este xoves na sede do Consorcio en Vigo, asistiron o delegado da Zona Franca, David Regades, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.
O proxecto de urbanización do Polígono 1 suporá a transformación urbanística do solo industrial no parque da Ran con 325.635 metros cadrados, 200.000 destinados a industria e o resto a equipamentos.
Na comisión entenden que este proxecto dará resposta á demanda de solo de numerosas empresas da comarca que xa expresaron o seu interese por instalarse no polígono de Cuntis.
O convenio establece unha cofinanciación a partes iguais de Zona Franca e de SEA para dar saída a unha demanda histórica do tecido empresarial, ofrecer ao municipio unha maior capacidade industrial e xerar emprego.
David Regades asegurou que para a Zona Franca o polígono de Cuntis "é prioritario" e manifestou que "estamos moi satisfeitos porque con estes prazos deberiamos estar en obras o ano que vén".
Regades confirmou que xa dispoñen das partidas orzamentarias, tanto por parte do consorcio como da SEA.
Pola súa banda, Manuel Campos, alcalde de Cuntis, valorou que para o Concello "a reunión foi moi positiva con pasos importantes que deron as asistencias técnicas que están a participar no proxecto".
Campos, que agradeceu este avance no cumprimento do compromiso do goberno de España coa Ran, expresou a súa confianza en que se se cumpren estes prazos "o ano que vén xa poderemos acometer as expropiacións, pór a zona en comercialización e empezar as obras".
Finalmente, a xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo insistiu en "o gratificante que foi esta reunión, tendo en conta que constatamos estes avances técnicos que van permitir resultados".