O proxecto de renaturalización do río Gafos presentarase o venres nun gran acto público

Pontevedra
14 de marzo 2025
Actualizado: 16:27

Haberá un cambio no curso do río, tres pasarelas peonís, reordenación do parque infantil, eliminación do tráfico desde Alcalde Hevia e unha zona inundable, entre outras novidades

Xaquín Moreda e Miguel Anxo Fernández Lores na nova pasarela do Gafos
Xaquín Moreda e Miguel Anxo Fernández Lores na nova pasarela do Gafos / Mónica Patxot

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres, 21 de marzo, ás 20.00 horas, a presentación do proxecto definitivo de renaturalización do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. É dicir, o trazado actualmente cuberto, entre as rúas Alcalde Hevia e Xeneral Antero Rubín.

Será un acto aberto ao público, pero que terá como convidados especiais ás diferentes asociacións e colectivos interesados nesta actuación.

O equipo redactor do proxecto, a empresa madrileña Calco, Territorio e Urbanismo, será o encargado de facer esta presentación valéndose da gran pantalla do Teatro Principal.

Alí explicarán que para garantir a continuidade e a eficacia do proxecto a obra farase completa e non por fases, como estaba previsto nun principio, o que xeraba moitas dificultades.

Ademais, cambiarase o curso do río á altura do hórreo do parque de Campolongo, na esquina das rúas Taboada Nieto e Iglesias Vilarelle. Agora mesmo, a canalización do Gafos fai un ángulo recto neste punto polo que se lle vai a dar unha solución máis natural.

Nesta contorna haberá unha zona inundable para resolver as crecidas do río con acceso peonil ao leito fluvial, a través dunha pendente suave.

O novo curso corta a conexión do tráfico rodado entre as rúas Alcalde Hevia e Iglesias Vilarelle aínda que haberá unha ponte peonil.

En total, son tres as pasarelas peonís previstas, situándose as outras dúas fronte á Escola Infantil Crespo Rivas e diante do parque de xogos.

Diante dos centros de ensino (Campolongo e Crespo Rivas) créase unha pasarela ancha que facilitará a entrada e as saídas dos cativos ao colexio, e se conservará toda as plantacións realizadas na zona de tal xeito que se mantén unha árbore de gran porte.

O río estará protexido por unha varanda naqueles tramos onde sexa necesario.

O proxecto tamén contempla unha reordenación dos xogos do parque infantil e inclúe zonas con hamacas de uso público.

Plano do proxecto de renaturalización do Gafos
Plano do proxecto de renaturalización do Gafos

A próxima semana explicarase con detalle todo este proxecto que chega aos 4,5 millóns de euros, segundo lembrou o concelleiro de infraestruturas, César Mosquera.

O Gafos "renaturalizarase todo o posible" asegurou César Mosquera que destacou a complicación que leva retirar os tubos de saneamento do río que se sitúan en ambas as marxes.

O goberno local prevé licitar antes do próximo verán.