O Concello de Pontevedra prepárase para acometer unha gran reforma dasáreas de estacionamento do Recinto Feiral e do Pazo da Cultura, unha actuación que vai cambiar o concepto tradicional de aparcadoiro para convertelo nun espazo verde integrado na paisaxe urbana, segundo indica o goberno de Miguel Anxo Fernández Lores.
O proxecto é froito da colaboración entre a Universidade da Coruña e o Concello de Pontevedra no marco do proxecto RedeVerde.
A proposta contempla unha transformación integral que afectará a dúas zonas principais: o aparcadoiro situado fronte ao Recinto Feiral, na rúa Alexandre Bóveda, e a superficie superior do Pazo da Cultura, incluíndo o seu acceso desde Rafael Areses.
Na zona de Alexandre Bóveda, a actuación prevé unha profunda renovación do espazo coa plantación de 71 novas árbores, que se sumarán ás 10 xa existentes.
Unha das novidades máis destacadas será a creación dunha franxa vexetal que percorrerá os máis de 100 metros lineais do estacionamento, actuando como sistema natural de drenaxe das augas pluviais.
Os peóns gañarán protagonismo cunha nova senda que conectará todas as prazas de aparcamento, facilitando a mobilidade a través do espazo.
Ademais, instalaranse bancos similares aos xa existentes no parque Rosalía de Castro, creando zonas de descanso integradas na contorna.
Na chaira superior do Recinto Feiral, que abrangue unha superficie de 16.653 metros cadrados, a intervención centrarse en potenciar a conexión paisaxística e peonil.
Destaca a reconfiguración da zona verde próxima á Xefatura da Policía Local e a creación dunha nova franxa vexetal na subida a este espazo que leva á entrada principal ao auditorio do Pazo.
A intención é continuar mantendo a funcionalidade do espazo para grandes eventos musicais que se poidan celebrar neste recinto, segundo indican desde o goberno local.
O proxecto incorpora innovacións ambientais, como sistemas de drenaxe natural, áreas de biorretención e pavimentación permeable.
Estas medidas, xunto coa ampliación das zonas verdes, contribuirán a aumentar a biodiversidade urbana e a mellorar a xestión sostible do espazo, indican desde o Concello.
A intervención, que conta cun orzamento estimado de 1.023.660 euros e un prazo de execución de 9 meses, está cofinanciada polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionada pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Esta actuación enmárcase, segundo o goberno local, no compromiso coa renaturalización e resiliencia urbana, transformando unha zona tradicionalmente gris nun activo ambiental que formará parte da infraestrutura verde.