O Concello de Ponte Caldelas estuda a posta en marcha dun dos proxectos máis agardados polas familias do municipio: a creación dun gran parque central cuberto que permitirá o seu uso durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.
Segundo indicaba o propio alcalde, Andrés Díaz, a través das redes sociais municipais, é unha "demanda histórica das familias" que por fin se materializa. "Aínda que houbo que agardar... Todo chega!!", destacou o rexedor na súa publicación.
O proxecto contempla unha renovación integral de todos os elementos do parque infantil e incorporará varias zonas diferenciadas para distintos usos.
Entre as novidades, destaca a creación dunha zona de lectura que contará con renovación continua de exemplares, permitindo aos máis pequenos gozar da literatura nun espazo ao aire libre pero protexido.
Ademais, instalarase unha zona de merendas con mesas e asentos, facilitando ás familias a posibilidade de pasar máis tempo no recinto, especialmente en fins de semana e períodos vacacionais.
O elemento máis destacado do proxecto será a instalación dunha gran cuberta en forma de carpa con cores brancas e azuis, que proporcionará protección aos menores durante os días de choiva e ofrecerá sombra nas horas de máis sol.

Andrés Díaz lembra que o municipio conta actualmente con "máis de 40 parques infantís repartidos por todo o rural", nos que cada ano se realizan labores de mantemento ou renovación dos elementos deteriorados.
"Agardo que todos os nenos e nenas do noso concello desfruten do parque central. É para eles!", conclúe o alcalde de Ponte Caldelas, subliñando o carácter comunitario desta infraestrutura.