Proxectan conectar os 'Xeves' coas ribeiras do Lérez, O Pontillón e Bora cunha rede de sendas fluviais

Pontevedra
12 de xullo 2020

Este plan foi anunciado polo concelleiro Iván Puentes durante unha camiñada realizada cos veciños de Santa María de Xeve co obxectivo de supervisar o resultado dos traballos de acondicionamento e recuperación integral da senda fluvial de río Lobada e Fens, en Gatomorto

Camiñada pola senda fluvial de río Lobada e Fens, en Gatomorto
Camiñada pola senda fluvial de río Lobada e Fens, en Gatomorto / Concello de Pontevedra

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, proxecta artellar unha rede de sendas fluviais que conecte os tres 'Xeves' coas ribeiras do río Lérez e a parroquia de Bora, dende O Pontillón do Castro.

Este plan foi anunciado durante unha camiñada realizada cos veciños de Santa María de Xeve co obxectivo de supervisar o resultado dos traballos executados para o acondicionamento e recuperación integral da senda fluvial de río Lobada e Fens, en Gatomorto, cun orzamento de 3.500 euros.

Tal e como constata Iván Puentes, a actuación, levada a cabo nun treito de algo máis dun quilómetro, permitiu recuperar as marxes dunha senda que quedara abandonada nos últimos anos e que ten un gran valor paisaxístico, ambiental e patrimonial, con diversos muíños, un lavadoiro, unha área recreativa e elementos propios das actividades rurais e agrarias tradicionais: poldras (pasos de pedra sobre o afluente), pontellas de lousa e madeira ou muros de pedra. É ademais un lugar con varios carballos e árbores de valor singular, que tamén se limparon e podaron.

Con esta intervención, sinala o concelleiro socialista, "logramos acondicionar e revalorizar toda esta riqueza paisaxística e patrimonial".

A intención é darlle continuidade a esta senda, que discorre ata o punto no que o río Verducido se xunta co río dos Fontáns, ata comunicala, augas arriba, ata O Pontillón do Castro, a través de Santa María de Xeve e Verducido, e augas abaixo, pola desembocadura do río dos Fontáns, en O Couso, coas sendas fluviais do Lérez.

"O certo é que sería un verdadeiro privilexio dispoñer dun sistema de sendas fluviais que permitise conectar a pé os 'Xeves' e Verducido e enlazar cos itinerarios que discorren polas ribeiras do río Lérez e que chegan ata a parroquia de Bora. Sería un enorme roteiro dunha riqueza ambiental inmensa e que melloraría substancialmente a integración destas parroquias", apuntou o edil do PSOE.