O Concello de Poio, no seu afán de recuperar todo o litoral do municipio, traballa nun proxecto para crear catro novas sendas que permitirán conectar Combarro co paseo do río Lérez ata Bora nunha senda contínua.
O proxecto foi presentado este mércores no Casal de Ferreirós polo concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica de Poio, Gregorio Agís, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes.
Agís destacou a "complexidade técnica" desta proposta "moi ambiciosa" que busca "cohesionar todo o litoral e facelo accesible" á cidadanía mediante a construción de 8.749 quilómetros de novas sendas en cinco áreas diferentes, incluíndo a recuperación da que existe na Illa de Tambo,
A primeira sería a Senda de Sinás, de apenas 270 metros de lonxitude unindo a praia de Sinás coa PO-308.
Outra senda iría desde Covelo, en Samieira, a Chancelas, cunha lonxitude de 1.586 metros. Gregorio Agís sostén que pola súa execución sería o proxecto "máis sinxelo" porque transcorre por unha zona boscosa. Permitiría enlazar a senda do Laño que chega ata Covelo e tamén achegaría "valor engadido" á praia de Chancelas para que puidese optar a unha bandeira azul.
A terceira proposta conectaría A Seca con Combarro, a chamada Senda do Padrón. É un percorrido de 1.025 metros e que daría continuidade á xa existente entre A Freixa e o areal da Ostreira, en Campelo. Ademais, neste caso, Agís incidiu en que "con esta actuación achegamos a Combarro un equipamento e zona de estacionamento próximo como é A Seca, ao dar vida a unha nova conexión".
E a "máis complexa" é a Senda da Puntada, desde Lourido ata a capital da provincia, o que supoñería dar vida "a unha conexión entre a cidade e un dos puntos de encontro máis importantes que temos en Poio", sinalou o titular de Urbanismo. En concreto, esta senda iniciaríase no lugar da Puntada, na parroquia de San Salvador, ata Lourido, para facela chegar ata as proximidades da Ponte das Correntes, cunha extensión total de 3.450 metros.
Pola súa banda, Iván Puentes coincidiu tamén con Agís á hora de destacar o feito de que unha vez que estas actuacións fáganse realidade "haberá unha continuidade nestes espazos que chegará desde Bora ata Combarro. Este tipo de iniciativas son as que dan sentido á política municipal".
O Concello de Poio remitirá toda a documentación ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, con quen xa tivo conversacións para tratar este tema, e que o proxecto aspira a executarse con fondos europeos Next Generation, en colaboración co Servizo Provincial de Costas.