Proxectan a reforma integral da Praza de Pasarón

Pontevedra
29 de febreiro 2020

O goberno municipal fixou unha nova prioridade para os vindeiros meses. En concreto, a Praza de Pasarón, situada entre dúas das promocións inmobiliarias que se construíron a carón do estadio de fútbol. Todo este espazo será obxecto dunha reforma integral

Praza de Pasarón, Pontevedra
Praza de Pasarón, Pontevedra / Concello de Pontevedra

O goberno municipal fixou unha nova prioridade para os vindeiros meses. En concreto, a Praza de Pasarón, situada entre dúas das promocións inmobiliarias que se construíron a carón do estadio de fútbol. Todo este espazo será obxecto dunha reforma integral.

O departamento de Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, xa está a traballar nun proxecto que abarcará tanto o parque infantil como toda a zona verde adxacente.

O espazo será obxecto dunha reordenación coa finalidade de aumentar o seu emprego por parte da cidadanía, renovándose por completo o actual parque infantil, substituíndo todos os elementos de xogo, o seu peche perimetral e o seu chan.

"Non só se fará de novo, senón que, ademais, ampliarase a superficie destinada a lecer infantil e crearanse outros espazos de xogo para diferentes idades", asegura Iván Puentes.

Para conseguilo, dotarase ao parque da Praza de Pasarón, no que actualmente os nenos e nenas xa xogan ao fútbol, dalgún elemento deportivo

Dentro deste proxecto de reforma integral prestarase especial atención ao contorno do estanque, solucionando os problemas de limpeza da auga que padece nestes momentos pola falta dun desaugadoiro directo, o que obriga a achicar a auga cunha motobomba.

Ademais, tamén se buscará integralo mellor no contorno cun novo valado perimetral e estudando unha fórmula para o xardín anexo, que resulta inaccesible.

O proxecto de reforma completarase coa rexeneración do chan e a mellora do axardinamento de toda a praza, que se atopa moi deteriorado en diversos puntos.

A reforma da Praza de Pasarón enmárcase dentro dun plan de mellora e actualización de todos os parques infantís da cidade que o Concello vai a desenvolver ao longo do mandato.