O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, vén de asinar a declaración responsable necesaria para que o Servizo Municipal de Medio Ambiente execute actuacións de mantemento e conservación no dominio público hidráulico do río Lérez ao seu paso polo lugar de Santa Cruz, na parroquia de Santo André de Xeve.
Dita declaración, presentada ante o Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia-Sur, supón un trámite necesario para solicitarlle á Xunta de Galicia unha subvención que permitirá desenvolver traballos de retirada de especies invasoras, en especial de mimosas da ribeira do río (dentro da convocatoria das axudas a concellos incluídos na Rede Natura 2000 para 2022 e 2023).
Tal e como apunta Iván Puentes, "trátanse de trámites imprescindibles para continuar coas actuacións iniciadas o ano pasado augas abaixo da ponte colgante de Calvelo, que atravesa o Lérez enlazando Pontevedra e Cotobade".
En base á memoria remitida ao Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia-Sur, o orzamento desta intervención bianual supera os 24.000 euros (11.139,16 euros en 2022 e 12.867,87 en 2023).
"Os traballos desenvolveranse nunha zona de servidume ao longo do río, nun treito de 140 metros, o que supón unha superficie de intervención aproximada de 0,07 hectáreas. Neste punto existe unha gran proliferación de mimosa (Acacia dealbata), que conforma unha masa densa, que bloquea a chegada de luz ao sotobosque e que impide a rexeneración e crecemento da vexetación autóctona de ribeira. Actuaremos na marxe dereita do curso do río Lérez, na zona de dominio público do treito anterior ao arrinque da ponte colgante", explica o edil do PSOE.
Puentes fai fincapé de poñerlle coto ao crecemento desta acacia, xa que "esta masa é unha enorme fonte de semente que ve multiplicada a súa capacidade de expansión, ao seren estas sementes transportadas pola corrente augas abaixo, facendo inútiles os esforzos de eliminación desta especie".
O tramo ocupado nesta zona pola mimosa é un barranco de pedra practicamente vertical e sen ningún acceso desde a parte de arriba, pois linda cunha propiedade privada que ten un peche ata a mesma beira da ribeira (o que dificulta o traballo, pois haberá que desenvolvelo desde a canle, facendo a retirada de madeira pola auga, co conseguinte risco de dispersión da semente).
Segundo sinala Iván Puentes, "a finalidade da actuación é a de preservar os ecosistemas naturais presentes no espazo natural do río Lérez, en especial os hábitats prioritarios como os bosques aluviais de amieiro e freixo, así como mellorar o estado de conservación da biodiversidade e o bosque de ribeira mediante a eliminación de especies invasoras e optimizar a paisaxe rural e tradicional deste espazo da Rede Natura 2000". Asemade, mediante a mellora dos sendeiros, conseguirase incrementar e enriquecer as explotacións agrícolas do contorno.
As actuacións traduciranse na eliminación e control das altas concentracións de Acacia dealbata e Acacia melanoxylon detectadas na zona de servidume do treito descrito, que se desenvolverá en dúas fases para tratar de evitar o posterior rebrote (abarcando os anos 2022 e 2023).
Nunha primeira fase realizarase o anelamento dos exemplares de acacia mediante o 'descortezado' e, posteriormente, a aplicación de herbicida mediante inxección. Nunha segunda fase procederase ao corte das árbores, unha vez que se constate a morte dos exemplares anteriormente tratados. Finalmente, trituraranse e eliminaranse os restos e retirarase toda a madeira morta.
Os traballos deberán iniciarse este verán, cando o río baixe coa menor cantidade de auga e aproveitando as altas temperaturas que benefician o efecto do herbicida. A segunda fase, correspondente ao ano 2023, efectuarase no momento en que as árbores estean mortas.