En España diagnosticáronse 30.670 casos de cancro de pulmón en 2023, sendo esta cifra de 679 na provincia de Pontevedra, segundo os datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
Este domingo 17 de novembro conmemorouse o Día Contra o Cancro de Pulmón.
Este tipo de cancro é a primeira causa de morte por cancro en España e na provincia, estimándose en 23.129 e 517 o número de falecementos por esta causa no ano 2023, respectivamente.
Entre o 80% e o 90% dos diagnósticos de cancro de pulmón relaciónanse co hábito tabáquico, xa que esta sustancia está relacionada con 16 tipos de cancro.
A prevención, xunto coa investigación son os dous elementos crave na loita contra este tipo de cancro. Deixar de fumar diminúe o risco de cancro de pulmón, polo que esta é a principal medida de prevención para este tumor.
A AECC ten entre os seus obxectivos contribuír e apoiar medidas que reduzan o acceso ao tabaco e vapeadores dos mozos co obxectivo de protexer a súa saúde, así como crear novos espazos libres do fume do tabaco.
Neste sentido a asociación impulsou en Cerdedo-Cotobade liberar do fume do tabaco un total de 12 espazos na localidade.
Trátase das praias fluviais da Chan (Carballedo), Cabanelas, Xesteira, Pozo Negro, Calvelo e Cerdedo; as áreas recreativas das carballeiras de Famelga e Fondós; a entrada e o interior das instalacións do campo de fútbol das Extremas, e as entradas dos pavillóns deportivos de Tenorio, Carballedo e Cerdedo.
Esta iniciativa supón unha prohibición de fumar, sen sanción.
"Trátase dunha medida de concienciación, que pretende que os e as veciñas da localidade, adopten hábitos saudables nestes espazos e se fagan conscientes da necesidade de coidar tanto o medio que utilizan como ás persoas que se atopan nel", explicou Lola Andújar, técnica de prevención da Asociación Española Contra o Cancro.
Neste mesmo sentido, Ana García, presidenta da entidade lembrou que "a xente nova e os nenos teñen dereito a respirar aire libre de fume".