Protestas de afectados por preferentes e veciños de Bértola ao paso da Vuelta por Pontevedra

Pontevedra
25 de agosto 2013

O paso da Vuelta polas Rías Baixas está levando o nome de Pontevedra por medio mundo. E esa oportunidade non a quixeron desaproveitar varios colectivos que manteñen activas protestas ante diversas problemáticas. A saída da segunda etapa en Pontevedra estivo marcada pola presenza de afectados por preferentes e subordinadas ou polos veciños de Bértola que se opoñen á subestación eléctrica na zona

Veciños de Bértola protestando contra a subestación eléctrica ao paso de La Vuelta
Veciños de Bértola protestando contra a subestación eléctrica ao paso de La Vuelta / Emilio Suárez

O paso da Vuelta polas Rías Baixas está levando o nome de Pontevedra por medio mundo. E esa oportunidade non a quixeron desaproveitar varios colectivos que manteñen activas protestas ante diversas problemáticas. Se en Sanxenxo era a plataforma SOS Panadeira a que se deixaba ver ao paso da caravana ciclista, a saída da segunda etapa en Pontevedra estivo marcada pola presenza de afectados por preferentes e subordinadas.

Medio cento de afectados, pertencentes ás plataformas de Pontevedra-Marín e de O Salnés, mesturáronse entre os miles de afeccionados ao ciclismo que abarrotaban as rúas da capital. Facíano portando carteis nos que reclamaban a devolución íntegra do seu diñeiro atrapado neses produtos bancarios, utilizando un lema alusivo á proba deportiva: "Queremos a Volta dos nosos aforros".

Vixiados en todo momento por axentes da Policía Nacional, lograron acceder ata a zona da saída da proba. Alí, un dos seus portavoces, Daniel Rabuñal, criticou que haxa diñeiro para traer a Vuelta a Galicia e non para que eles recuperen os seus aforros. "Se nos devolvesen os nosos aforros tamén habería movemento económico e riqueza", indicou. En todo caso, en ningún momento intentaron prexudicar o desenvolvemento da proba.

PROTESTAS TAMBIEN EN VILABOA

Esta segunda etapa da Volta Ciclista a España, tras saír de Pontevedra continuaba pola N-550 en dirección a Arcade. Ao seu paso estábanlle esperando os veciños da parroquia de Bértola (Vilaboa). Xa anunciaran a súa presenza para protestar pola pretendida construción dunha subestación eléctrica na zona. E máis cando a empresa Red Eléctrica reiterou a súa intención de iniciar as obras este mesmo luns.

Tratouse, igual que cos preferentistas, dunha protesta pacífica. Ademais de animar aos ciclistas, cando se cruzaron con eles mostraron pancartas alusivas ao seu conflito, coas que reclamaron unha ubicación alternativa para esta central, ao entender que situala tan preto das zonas poboadas conlevará problemas de saúde e outras molestias para os veciños.