Protestas da CIG para evitar que a clase traballadora pague a saída da crise

Pontevedra
01 de decembro 2021

A central nacionalista concentrábase este mércores diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo e alerta de que a crise se multiplicou debido á pandemia. Tamén advirte da falta de medidas por parte do goberno do Estado e da Xunta para evitar que a clase traballadora sexa quen asuma as consecuencias da crise

Representantes da CIG concentrábanse ante o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo
Representantes da CIG concentrábanse ante o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo / Mónica Patxot

Este 1 de decembro, representantes e delegados da CIG concentrábanse nas sete cidades e vilas máis importantes de Galicia. En Pontevedra, concentrábanse diante do edificio da Xunta de Galicia para despois levar a cabo unha manifestación, baixo a choiva, polas rúas de Pontevedra ata rematar na Subdelegación do Goberno alertando da profunda crise que se multiplicou coa pandemia.

Denuncian que nin a Xunta de Galicia nin o goberno do Estado adoptan medidas necesarias que eviten que a clase traballadora pague as consecuencias desta situación actual.

Inciden na escalada imparable da factura eléctrica, que causa graves danos nas economías familiares e tamén na actividade económica e industrial co consecuente aumento dos prezos de todos os produtos básicos.

Ao non incrementarse da mesma maneira os salarios, este sindicato nacionalista cualifica a situación como "crítica" para a clase traballadora, xa que o traballo non garante unha vida digna.

Demandan, ademais, a derrogación das reformas laborais. Os dirixentes da CIG acusan o goberno de coalición do Estado de incumprir as promesas e de montar un "paripé mediático" para manter despois os aspectos máis lesivos das reformas.

A esta lista de peticións súmase a esixencia de pensións dignas, ao sinalar que en Galicia miles de persoas xubiladas e pensionistas cobran pensións "de miseria".  Expoñen que a reforma das pensións que se atopa en proceso de tramitación no Congreso introduce medidas como o aumento das cotizacións, un cambio que agrava as nefastas consecuencias das anteriores reformas, segundo indican desde esta central.