Delegados e delegadas da CIG protagonizaron este mércores 4 de decembro unha manifestación que percorreu as rúas de Pontevedra, desde a Biblioteca Pública ata o edificio administrativo da Xunta de Galicia, para expresar o seu rexeitamento á ampliación das competencias das mutuas.
A protesta enmárcase nunha xornada de mobilizacións simultáneas nas sete principais cidades galegas.
A central sindical oponse con firmeza a que as mutuas poidan xestionar baixas por doenzas músculo-esqueléticas, sinalando que esta medida forma parte dun plan máis amplo para descapitalizar a sanidade pública e beneficiar entidades privadas.
Segundo declarou Marcos Conde, secretario comarcal da CIG en Pontevedra, "a cesión destas competencias supón un ataque directo aos dereitos da clase traballadora e un novo paso na privatización da sanidade pública".
A CIG lembra que esta posibilidade está recollida no acordo de pensións asinado o 19 de setembro polo Goberno español, CCOO, UGT e a patronal estatal, e denunciou que xa existen abusos no funcionamento das mutuas.
"Son empresas privadas cuxo obxectivo é obter beneficios, polo que priorizan reducir a duración e o número de baixas antes que investigar as causas ou atender correctamente os traballadores", engadiu Conde.
A central destacou que as enfermidades músculo-esqueléticas afectan especialmente a sectores industriais e feminizados, e que moitas baixas deberían ser recoñecidas como derivadas do traballo.
Desde o sindicato advirten que "baixo criterios puramente economicistas, as mutuas tratarán de minimizar os tempos de baixa sen abordar as condicións laborais que as orixinan".
A CIG insta á Xunta, que é a administración con plenas competencias en materia sanitaria en Galicia, a rexeitar a sinatura de convenios que permitan esta cesión de competencias, sinalando que significaría unha transferencia de fondos da sanidade pública ás mutuas privadas.