Protesta no Parque Municipal de Bombeiros: "Aquí todo o mundo sofre presións"

Pontevedra
08 de marzo 2023

O Parque Municipal de Bombeiros celebrou este 8 de marzo o acto polo día do seu patrón. Con todo, os bombeiros de Pontevedra aproveitaron a celebración para reivindicar diversos dereitos laborais asegurando que a día de hoxe non teñen nada que celebrar

Protestas dos bombeiros no acto polo día do seu patrón / Álvaro Arosa

O Parque Municipal de Bombeiros celebrou este 8 de marzo o acto polo día do seu patrón. Con todo, os bombeiros de Pontevedra aproveitaron a data para reivindicar diversos dereitos laborais asegurando que nesta xornada non teñen nada que celebrar.

Todo o corpo de bombeiros centrouse este mércores para reclamar diversas reivindicacións como máis persoal e maiores medidas de seguridade no traballo. Ao acto de celebración asistiron diversos representantes políticos da cidade e membros dos corpos de seguridade do Estado, coa ausencia destacada do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que suspendeu a súa asistencia alegando unha comparecencia para dar resposta á notificación da sentenza do Tribunal Supremo sobre a prórroga de Ence en Lourizán. No seu lugar asistía Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá.

No acto, o xefe dos bombeiros Vicente Ferrería realizou un discurso que apenas se puido escoitar polos alí presentes debido á manifestación dos traballadores do Parque, que se atopaban a escasos metros do lugar da celebración. Algúns cánticos como "onde está o alcalde?" ou "o detective onde está?", ademais doutros en relación co conflito que manteñen foron a tónica xeral ao longo do acto.

"Hoxe non temos nada que celebrar, non hai nin un só bombeiro aí dentro. Só está o xefe, posto a dedo por esta corporación". afirmaba un dos bombeiros do parque. Os traballadores reivindicaban a necesidade de aumentar o número de bombeiros e a seguridade á hora de traballar.

"Hai accidentes e incendios fóra do termo municipal e a cidade queda sen bombeiros constantemente", explicaban desde o Parque, engadindo que, ademais, vense obrigados a traballar de maneira precaria e que teñen requirimentos da Inspección de Traballo, que insta ao goberno local a aumentar o persoal. 

Un dos bombeiros presente na protesta asegurou que "estamos indignados, levamos dous anos pedindo unha reunión co alcalde e non nos fan caso". Outra das queixas trasladadas desde o Parque de Bombeiros é que todo aquel que "non pensa como Lores" sofre presións. "Están a rirse de nós. Rin de policías, de bombeiros, de administrativos... Aquí todo o mundo sofre presións". 

Doutra banda, os bombeiros explican que o goberno municipal actual votou en contra de aumentar o persoal, e que en oito meses fixeron máis de 7.000 horas extra "obrigadas", asegurando que chegaron a mandar á Policía Local a buscar á xente a casa. "Aquí hai xente que traballou máis de 48 horas seguidas e despois din que non nos adaptamos á modernización. Non se adaptan eles á conciliación familiar e ao noso descanso."

Para acabar, os bombeiros do Parque aseguraban que todos os traballadores estaban unidos neste día, xa que "o 99% do persoal está aquí, porque o 1% é o xefe de servizo que está aí dentro". Ademais, os traballadores aclaraban que este 8 de marzo só hai 5 bombeiros de garda, tres deles interinos, o cal é outro exemplo da falta de persoal que sofren, tal e como explican desde o Parque Municipal.