Protesta dos comuneiros contra a Xunta cun peche simbólico do campo de tiro de Cernadiñas Novas

Pontevedra
04 de febreiro 2024

Na porta principal do recinto colgaron un cartel no que se restrinxe o acceso, "Solo personal autorizado por la Comunidad de Montes de Xeve"

Peche reivindicativo do campo de tiro de Cernadiñas Novas
Peche reivindicativo do campo de tiro de Cernadiñas Novas

Representantes da Comunidade de Montes de Santo André de Xeve escenificaron este domingo o peche simbólico do campo de tiro de Cernadiñas Novas. Esta protesta tivo lugar á unha da tarde para non interferir na celebración dun campionato provincial de tiro que se está a disputar esta fin semana.

Na porta principal do recinto colgaron un cartel no que se restrinxe o acceso, "Solo personal autorizado por la Comunidad de Montes de Xeve". Mentres medio centenar de persoas despregaron unha pancarta da Mancomunidade de Montes de Pontevedra na que se lía "O monte é noso" e tamén se mostraron carteis co texto: "A Xunta promete máis non cumpre".

Xa pasaron cinco anos desde que o Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Pontevedra ditou a sentenza que devolveu aos comuneiros os terreos do Monte de Cernadas no que se atopa situado este campo de tiro.

A Comunidade de Montes protesta pola imposibilidade de alcanzar un compromiso firme por parte da Xunta de Galicia para que abone o canon anual polo uso destas instalacións. Isto lévalles a reclamar con esta mobilización os terreos ocupados de maneira ilegal.

A Xunta tería que abonarlles un canon anual de 20.000 euros.

Ademais, sinalan que o campo de tiro foi construído nos anos setenta e necesita unha reforma profunda. Ademais das deficiencias que presenta, as instalacións xeran moito ruído e tamén danos nas árbores da contorna por culpa dos disparos.

Os comuneiros anunciaron que esta protesta repetirase cada fin de semana mentres a Xunta non faga efectivo o abono do alugueiro. Estas reivindicacións contan co apoio da gran maioría dos usuarios deste campo de tiro, fundamentalmente deportistas e membros de corpos e forzas de seguridade do Estado.