Protesta dos celadores ao quedar fóra das vacinacións para sanitarios que traballan en primeira liña

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

Quéixanse de que durante os catro días nos que se estiveron subministrando as vacinas na área sanitaria pontevedresa unicamente recibiron a vacina 24 celadores dos preto de 350 que traballan nos hospitais Provincial e Montecelo, o centro de referencia fronte á covid, e que tampouco se vacinou a celadores adscritos a servizos clave, como UCI ou Urxencias

Protesta das celadoras de Montecelo pola ínfima vacinación fronte á covid do seu colectivo
Protesta das celadoras de Montecelo pola ínfima vacinación fronte á covid do seu colectivo / CIG

Os celadores do hospital Montecelo de Pontevedra amosaban este xoves o seu malestar polo que consideran un novo caso de discriminación laboral por parte do Sergas. "Nesta ocasión as autoridades sanitarias deixáronos fóra da campaña de vacinación, de igual xeito que ao comezo da pandemia non se lles entregaron EPI e despois non se lles facilitaban máscaras do tipo FPP2", manifestan desde o sindicato CIG-Saúde.

Quéixanse de que durante os catro días nos que se estiveron subministrando as vacinas fronte á covid na área sanitaria pontevedresa unicamente recibiron a vacina 24 celadores dos preto de 350 que traballan nos hospitais Provincial e Montecelo.

Neste sentido, denuncian tamén a repartición da vacina, xa que dos 24 celadores vacinados, 20 son persoal do Hospital Provincial e só 4 do Hospital Montecelo, cando precisamente este último é o centro de referencia en covid.

A situación vai máis aló porque tampouco se vacinou a celadores adscritos a servizos clave, como UCI ou Urxencias.

"Suponse que as primeiras vacinas eran para persoal que estivese en primeira liña, pero logo vemos que llas administran a máis celadores e celadoras do Provincial, que non ten pacientes covid, que de Montecelo, por non falar de que se vacinaron colectivos sen contacto con doentes, como administrativos de dirección, informáticos, persoal de admisión, etcétera", explica Begoña Mallo, celadora e delegada da CIG en Montecelo.

Ante esta situación, unha representación da CIG-Saúde mantivo unha reunión co director de Enfermaría, que se encarga da coordinación da campaña de vacinación dos profesionais sanitarios, para interesarse polo que estaba a acontecer tanto con este colectivo como co persoal de mantemento, que tampouco está a ser vacinado. "Díxonos que houbo un erro, aínda que non nos detallou de que tipo; tamén asegurou que as próximas vacinas serán para os celadores e celadoras; pero non se trata diso, o que queremos é que prioricen ás persoas que están en contacto con doentes", sinala Mallo.