Protesta de loito dos autónomos en Pontevedra

Pontevedra
27 de xuño 2020

Decenas de traballadores por conta propia concentráronse este sábado na Praza de España para reclamar solucións que eviten o peche e a ruína de moitas empresas

Concentración de autónomos na praza de España
Concentración de autónomos na praza de España / Diego Torrado

A praza de España non só foi escenario da manifestación contra o mitin de Vox, á mesma hora e no mesmo lugar estaba tamén convocada unha concentración por parte dos autónomos para expresar o seu enfado polas consecuencias económicas que a crise sanitaria provocou a estes traballadores.

Vestidos completamente de negro e cos petos do pantalón cara a fóra, os autónomos pretendían escenificar a ruína na que acabarán moitos deles se o Goberno non aplica as políticas e axudas necesarias para salvar a unha parte fundamental do tecido laboral do país.

Durante unha hora concentráronse nesta céntrica praza. Gardaron un minuto de silencio en homenaxe ás vítimas da pandemia e tamén pola perda de moitos negocios. E para pechar o acto procederon á lectura dun manifesto co que esixen solucións para este sector.