Protesta da CIG na rúa contra a "estafa" eléctrica: "A luz está a subir e os gobernos a durmir"

Pontevedra
19 de setembro 2021

O sindicato nacionalista protagonizou este domingo en Pontevedra, do mesmo xeito que no resto de cidades galegas, unha concentración de protesta pola subida do prezo da luz. "Non é só polo recibo da luz, é pola expoliación que estamos a ter nalgo que nós entendemos que debería ser un ben común e un ben que debería ser público", defende o secretario comarcal de CIG, Marcos Conde

Protesta convocada pola CIG ante a suba do prezo da luz
Protesta convocada pola CIG ante a suba do prezo da luz / Cristina Saiz

Ao berro de "a luz está a subir e os gobernos a durmir", a CIG protagonizou este domingo unha concentración de protesta en Pontevedra, do mesmo xeito que no resto de cidades galegas, contra a "estafa" que entenden supón a brusca subida no prezo da luz.

"Sobre todo quen o vai a sufrir son as clases máis baixas, que é a maioría da poboación", denuncia Marcos Conde.

O secretario comarcal do sindicato nacionalista defende que "non é só polo recibo da luz, é pola expoliación que estamos a ter nalgo que nós entendemos que debería ser un ben común e un ben que debería ser público, un dereito universal".

Neste sentido Conde lembrou o sucedido coa construción de encoros e saltos eléctricos na xeografía galega "e agora nos atopamos que esto vai ser unha nova expoliación, o vento. Non pode ser que Galiza xa sendo produtora excedentaria de enerxía vaiamos aínda producir máis para que haxa quen se faga de ouro a conta dos nosos recursos", sinalou.

Entre as aspiracións da CIG está o conseguir que se recoñeza a enerxía como un dereito fundamental, e tamén a creación dunha empresa pública galega que se ocupe da xestión dos recursos.

Mentres tanto, a groseira subida do recibo da luz é "socialmente o máis visible", e por iso seguirán en pé de guerra mostrando na rúa a súa indignación. De feito o sindicato anuncia unha nova protesta o próximo 3 de outubro. "Xa cos recibos da luz na man imos a facer un acto simbólico de queima desdes recibos para demostrar a indignación de todo o pobo", avanza Marcos Conde.