Protección policíal para un árbitro ao saír do Campo de Príncipe Felipe ante as ameazas do pai dun xogador

Pontevedra
10 de novembro 2024

Segundo explicou o árbitro aos axentes, durante o transcurso do partido, un dos pais insultouno e ameazou con agredilo, chegando a dicirlle que o esperaría á saída do campo.

Novo campo de herba sintética en Príncipe Felipe
Novo campo de herba sintética en Príncipe Felipe / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra informa este domingo que a pasada fin de semana, a Policía Local de Pontevedra tivo que intervir no campo de fútbol de Príncipe Felipe.

O motivo era garantir a seguridade dun árbitro que recibira ameazas por parte dun pai dun dos xogadores.

O incidente ocorreu o sábado 2 de novembro, arredor das14.30 horas, cando o árbitro solicitou a presenza policial ante o temor de ser agredido polo espectador.

Segundo explicou o árbitro aos axentes, durante o transcurso do partido, un dos pais dun xogador que xogaba o encontro insultouno e ameazouno con agredilo, chegando a dicirlle que o esperaría á saída do campo.

Grazas a que coñecía persoalmente ao pai, o árbitro puido proporcionar a súa identificación.

A Policía Local acompañou o árbitro na súa saída das instalacións e comprobou que a persoa identificada non se atopaba xa nos arredores, permitindo así que o árbitro abandonase o lugar con tranquilidade.

A Policía Local lembra que este tipo de condutas, aínda que non constitúen delito, son absolutamente reprochables desde o punto de vista cívico.

Os axentes policiais indican que estas accións están moi afastadas da educación que deben recibir os máis pequenos.