A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribadumia, unha das máis importantes da comarca do Salnés con máis de 30 voluntarios inscritos, leva desde o pasado verán desenvolvendo a súa actividade en instalacións provisionais que non reúnen as condicións necesarias para o seu labor diario.
A situación provocouse tras a demolición da súa anterior sede durante as obras de humanización da rúa Condesa, obrigando ao colectivo a trasladarse a un espazo reducido.
Sinalan que este recinto non permite albergar axeitadamente os seus equipos e materiais de emerxencia.
Ante esta problemática, o PSdeG-PSOE de Ribadumia, a través do seu voceiro Javier Mougán, presentou unha moción no Concello para solicitar á Xunta de Galicia que asuma a construción dun novo edificio.
A proposta contempla dúas alternativas: a edificación dunha nova sede nos terreos que facilitaría o Concello ou, como solución alternativa, o acondicionamento do actual espazo provisional.
Durante unha visita ás instalacións realizada hoxe, na que participaron o voceiro socialista Javier Mougán e a deputada autonómica Paloma Castro Rey, púxose de manifesto a urxencia de dotar á agrupación dunhas instalacións axeitadas, tendo en conta que se trata da agrupación máis relevante entre os concellos de menos de 10.000 habitantes da comarca.
De forma paralela á iniciativa municipal, o Grupo Socialista no Parlamento de Galicia anunciou que presentará unha proposta para instar á Xunta a comprometerse con esta demanda.
A deputada Paloma Castro subliñou a necesidade de que o goberno galego "dea resposta ás necesidades reais dos servizos de emerxencia".