Protección Civil retirou 266 niños de velutina en Poio durante 2019

Poio
24 de xaneiro 2020

A loita contra a velutina intensificouse durante o último ano en Poio. Os voluntarios de Protección Civil retiraron ata 266 niños, un 25% máis que os eliminados en 2018. A maioría destes focos, segundo o Concello, estaban espallados polo rural do municipio

Niños de velutina retirados en Poio
Niños de velutina retirados en Poio / Concello de Poio

A loita contra a velutina intensificouse durante o último ano en Poio. Os voluntarios de Protección Civil retiraron ata 266 niños, un 25% máis que os eliminados en 2018. A maioría destes focos, segundo o Concello, estaban espallados polo rural do municipio.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, explica que, ao igual que sucede noutros concellos de Galicia, onde a presenza desta especie invasora é cada vez máis habitual, o maior número de intervencións prodúcese nos meses de verán.

No caso de Poio, dos 266 niños retirados por Protección Civil, practicamente a metade (120, un 45%) foron eliminados nos meses de xuño, xullo e agosto. Neste último, realizáronse 47 intervencións ao respecto, mentres que nos dous restantes procedeuse a retirar 51 niños.

O número de avisos durante todo o ano ascendeu a 381. Una vez máis, a tempada estival resultou a máis frenética, con preto de 200 alertas, mentres que entre xaneiro e febreiro recibíronse 55.

Á hora de proceder á súa retirada, os voluntarios de Protección Civil visitan previamente a zona, para analizar o acceso e o xeito de proceder. As tarefas de retirada dos niños lévanse a cabo pola noite, coa fin de limitar riscos de picaduras, posto que a esas horas a maioría dos insectos atópanse no interior dos niños.

Ademais, priorízase acudir a aqueles lugares nos que a presenza dos insectos pode supoñer un maior risco para os veciños e veciñas, por estar nas inmediacións dunha vivenda.

O responsable de Medio Ambiente recomenda aos cidadáns que, no caso de que detecten un foco de avespas velutinas, se poñan en contacto co Concello.

Arquivado en