Protección Civil de Poio rescata dous cidadáns británicos perdidos en Monte Castrove por culpa dun GPS

Poio
19 de agosto 2024

O rescate producíase na noite deste domingo ao luns cando os integrantes da agrupación tiveron que achegarse ata unha pista do alto do Monte Castrove na zona do Camiño de Santiago. Foron acompañados posteriormente ata Combarro

Rescate nocturno da parella británica perdida en Monte Castrove
Rescate nocturno da parella británica perdida en Monte Castrove / Protección Civil de Poio

Unha parella de cidadáns británicos levaban un bo susto durante a noite deste domingo cando quedaron desorientados nunha pista do alto do Monte Castrove, no municipio de Poio.

Segundo indica Protección Civil de Poio, tiveron que desprazarse catro integrantes da Agrupación para proceder ao rescate das dúas persoas perdidas que se atopaban na zona do Camiño de Santiago.

Sinalaron que se perderon ao estar mal guiados polo GPS.

O servizo de Emerxencias do 112 Galicia foi quen daba a alarma á agrupación de Protección Civil.

Os turistas foron tranquilizados e asistidos para despois ser acompañados ata Combarro, sen maiores incidencias.