Prorrogan dous meses máis as obras da casa consistorial, que poderán durar ata febreiro de 2024

Pontevedra
27 de outubro 2023

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a ampliación do prazo de execución das obras, que inicialmente estaba previsto ata decembro de 2023. #Miguel Anxo Fernández Lores explicou que o motivo desta ampliación do prazo son "cuestións de provedores e mobiliario"

Obras de reforma da casa consistorial de Pontevedra
Obras de reforma da casa consistorial de Pontevedra / Mónica Patxot

As obras de rehabilitación integral da antiga casa do concello da Praza de España seguirán previsiblemente ata febreiro de 2024. Poderán terminar antes, pero o Concello de Pontevedra acaba de aprobar unha prórroga de dous meses para o prazo de execución dos traballos. 

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a ampliación do prazo de execución das obras, que inicialmente estaba previsto ata decembro de 2023.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o motivo desta ampliación do prazo son "cuestións de provedores e mobiliario". Tamén aclarou que é posible que os traballos acaben antes, pero ata febreiro a empresa estará en tempo para entregar a actuación. 

A casa do concello, deseñada por Alejandro Rodríguez Sesmero e inaugurada en 1880, está a ser obxecto dunha completa rehabilitación integral. O exterior xa está finalizado, pero no interior aínda continúan os traballos

No exterior, a reforma integral notouse especialmente no lateral cara á avenida de Santa María, onde no pasado había uns baños públicos e agora converteuse nun espazo de lecer con bancos e mobiliario urbano.