Proposta de sanción para catro estudantes que montaron botellón de non convivintes na Finca de Briz

Marín
04 de febreiro 2021

Dous dos mozos eran menores de idade. A Policía Local de Marín alertou ás familias e ao centro onde os catro se atopan escolarizados. Esta acción forma parte da actividade que os axentes están a realizar na vila para comprobar o cumprimento das restricións vixentes na loita contra a pandemia,

Control da Policía Local de Marín
Control da Policía Local de Marín / Concello de Marín

Axentes da Policía Local de Marín localizaban este martes a catro mozos montando un botellón na Finca de Briz en horario lectivo, ás 12.30 horas.

O grupo estaba formado por dous menores, de 16 e 17 anos, e outros dous adultos, de 18 anos, que bebían nun dos espazos deste recinto. Ante esta situación, a Policía Local levou a cabo a súa identificación e, posteriormente, foron notificados tanto as familias destes mozos como o centro no que se atopan escolarizados. Ademais, os axentes tramitaron a proposta dunha sanción por reunión de non conviventes.

Esta acción forma parte da actividade que desenvolve a Policía Local de Marín de maneira intensiva durante estes días para comprobar que se cumpren as restricións vixentes establecidas polos protocolos sanitarios para loitar contra a expansión da pandemia.

A vixilancia céntrase no uso da máscara protectora, a prohibición da reunión con non conviventes, o peche perimetral do municipio e o cumprimento do toque de queda.

Nesta última semana interpuxéronse 22 denuncias por incumprir algunha destas obrigas. Catro tramitáronse por non respectar o límite perimetral; 13 por non levar a máscara protectora ou facer uso incorrecto da mesma; unha por fumar camiñando e sen distancia de seguridade; catro por non respectar o horario establecido do toque de queda e dous por reunirse persoas non conviventes.

Segundo informan desde o Concello de Marín, os axentes establecen controis diarios nas vías públicas cunha media de 302 vehículos vixiados cada día.