Propoñen unha nova ordenanza para o Servizo de Emerxencias de Cuntis con taxas por intervención

Umia
07 de maio 2024

O goberno local levará a pleno esta nova ordenanza reguladora e avanza que as taxas a aplicar terán en conta factores como o número de efectivos que actúan nas intervencións, o material empregado, o tempo invertido ou se se producen dentro do municipio ou noutros concellos. Non se aplicarán a persoas sen recursos económicos

Intervención nun accidente de tráfico
Intervención nun accidente de tráfico

Manuel Campos, alcalde de Cuntis, anunciaba que no próximo pleno municipal someterase a debate a nova ordenanza fiscal reguladora para o Servizo Municipal de Emerxencias.

Preséntase como un regulamento con taxas, en función da prestación que desenvolva este servizo de seguridade.

Segundo explican desde o goberno local, as taxas variarán atendendo ao número de efectivos necesarios; a duración da intervención ou o material que precisen; entre outros factores.

Esta proposta impúlsase atendendo aos informes técnicos de departamentos como o de Tesourería do Concello de Cuntis. Consideran necesaria a implantación deste regulamento fiscal pola prestación do servizo.

O documento contempla as taxas para aplicar en casos de operativos de salvamento, traballos de prevención e extinción de incendios, derribas ou accidentes.

As cifras varían desde os 25 aos 65 euros por hora e fracción. Ademais, tamén nestas taxas tense en conta se a intervención realizouse en Cuntis ou noutro municipio. 

O cobre pola apertura de portas será de 90 euros e a captura de animas sitúase en 120 euros.

Manuel Campos considera necesario aprobar esta normativa para que se regule de maneira adecuada a xestión e o traballo do Servizo Municipal de Emerxencias.

Tamén se recolle que non se aplicarán taxas atendendo a razóns humanitarias ou a carencia de recursos, de forma que se vexan beneficiadas persoas en risco de exclusión ou sen recursos económicos.

Tampouco se aplicarán para os servizos que se desenvolvan en beneficio da veciñanza en xeral ou no caso de catástrofe ou calamidade pública oficialmente declarada.

As solicitudes para conseguir as exencións tramitaranse no Concello durante o prazo dun mes despois da incidencia.

Campos lembra que en 2023 o corpo de seguridade interveu en máis de cincocentas situacións onde foron requiridos, tanto no municipio como noutros concellos próximos. Na maioría de casos tratábase de accidentes de tráfico, pero tamén os efectivos colaboraron en operativos de seguridade ou na retirada de elementos perigosos das estradas e recollida de animais abandonados.