Propoñen que o Pazo de Lourizán albergue un centro de interpretación da I República e a Restauración Borbónica

Pontevedra
08 de marzo 2016

As entidades que conforman o Consello Parroquial de Lourizán, invitadas polo Concello de Pontevedra para que fixeran as súas propostas para optar ás axudas europeas dos fondos DUSI (Desenvolvemento Urbán Sostible Integrado), dentro do plan FEDER, elaboraron un completo proxecto titulado "Proxecto Integral de Dinamización Cultural de Lourizán"

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Juan Mejuto

As entidades que conforman o Consello Parroquial de Lourizán, invitadas polo Concello de Pontevedra para que fixeran as súas propostas para optar ás axudas europeas dos fondos DUSI (Desenvolvemento Urbán Sostible Integrado), dentro do plan FEDER, elaboraron un completo proxecto titulado "Proxecto Integral de Dinamización Cultural de Lourizán".

Dito proxecto contempla a posta en valor dalgúns dos elementos naturais, culturais e paisaxísticos máis destacados da parroquia, como a Xunqueira da Gandarela, o Monte de Veliñas, o Montiño, ou o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; e a súa interconexión mediante a recuperación da rede de camiños tradicionais.

Nun comunicado remitido aos medios, as entidades parroquiais tamén poñen sobre a mesa a necesidade da rehabilitación do Pazo de Lourizán, un edificio histórico que se atopa nun estado lamentable e que precisa que se actúe sobre el nun curto prazo de tempo para que os efectos do abandono non sexan irreversibles.

Por iso invitan ao Concello a que faga as xestións necesarias para que a súa restauración se faga efectiva, ben sexa mediante un convenio coa Deputación e coa Xunta, ben mediante outras vías, pois consideran que o Pazo de Lourizán debe ocupar un lugar central no futuro da parroquia.

Mesmo fan unha proposta para que teña un uso como Centro de Interpretación de Lourizán, que alberguaría un centro de interpretación da I República e a Restauración Borbónica en Galicia; un centro de interpretación da historia do pazo e da finca e un centro de interpretación da historia de Lourizán.

Por outra banda, as entidades parroquiais sinalan que as actuacións que se plantexan no proxecto non serían actuacións ailladas, senón que suporía darlle unha continuidade hacia Marín ás que o Concello de Pontevedra xa ten levado a cabo nos últimos anos.

Por último, destacan que este proxecto é o resultado da participación social, xa que é froito do traballo das entidades veciñais que conforman o Consello Parroquial de Lourizán, que apoian por unanimidade a súa posta en marcha.

Agora a pelota está no tellado do Concello.