Propoñen nomear a Leonor de Borbón como Filla Adoptiva de Marín

Marín
08 de novembro 2024

A proposta será agora levada ao Pleno da Corporación do mes de novembro para o seu debate e votación

Entrega de reais despachos na Escola Naval con Felipe VI, Letizia e Leonor
Entrega de reais despachos na Escola Naval con Felipe VI, Letizia e Leonor / Mónica Patxot

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, propuxo iniciar o procedemento para nomear Filla Adoptiva da Vila á súa Alteza Real Dona Leonor de Borbón e Ortiz.

Cabe lembrar que a Princesa de Asturias permanece actualmente formándose na Escola Naval Militar de Marín, na que ingresou o pasado 30 de agosto e na que continuará até o mes de decembro para despois embarcar no buque-escola Juan Sebastián Elcano.

Con este procedemento, o Concello pretende dar continuidade a unha distinción que xa se lle outorgou Felipe VI como reflexo da boa relación entre a vila e a Casa Real.

A proposta será trasladada agora ao pleno da corporación municipal que se celebrará o vindeiro xoves 14 de novembro.

O pleno debaterá a idea e someteraa a votación.

A partir dese momento, abriríase un período de exposición pública da proposta antes da súa aprobación definitiva.

Ao longo dos anos o Concello de Marín nomeou como fillos adoptivos ou fillos predilectos ás seguintes persoas:

  • 1959 - José Touriño Gamallo (predilecto) Médico
  • 1979 - Anxo Eguren Ugarte (adoptivo) Sacerdote e mestre na escola Paúl de San Narciso
  • 1980 - Andrés Dapena Mouriño (adoptivo) Médico e impulsor do Ateneo Santa Cecilia
  • 1986 - A súa Alteza Real Felipe de Borbón e Grecia (adoptivo) Rei de España
  • 1989 - Manuel Torres Martínez (predilecto) Mestre e pintor
  • 2012 - Ceferino Nogueira Rodríguez (predilecto) Empresario
  • 2021 - Antonio Blanco Freijeiro (predilecto) Historiador e arqueólogo