David Díaz, candidato de Ciudadanos Pontevedra á alcaldía, presentou un escrito por rexistro dirixido ao alcalde e ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, solicitando que os xardíns cun parque infantil do Campo da Torre, que están a ser reformados, pasen a denominarse 'Parque Sonia Iglesias', como homenaxe á muller, veciña da zona, desaparecida o 18 de agosto de 2010.
Na súa petición solicita a introdución, como elemento simbólico, dunhas mans femininas dunha nai dando de beber ao seu fillo. Suxire que se tomen como molde as da súa irmá para formar parte da fonte que está previsto restaurar.
David Díaz, veciño da familia de Sonia Iglesias, sinala que a idea foi trasladada a Mari Carmen Iglesias, irmá de Sonia, para presentar ao Concello a proposta máis adecuada co obxectivo de que o recordo da moza se manteña.
A proposta complétase coa reivindicación dunha remodelación do parque infantil da rúa Irlanda, en Monte Porreiro, ao que suxire denominar 'Parque da Familia Iglesias', en recoñecemento aos familiares de Sonia.