A Asociación Ecoloxista Anduxía, a Asociación de amigos das embarcacións tradicionais Vos Galos e a Asociación micolóxica naturalista Liboreiro, dirixiron á Autoridade Portuaria de Marín unha proposta para converter o Faro de Ons nun museo.
Desde o ano pasado este faro está automatizado e a día de hoxe a presenza dos fareiros nas instalacións xa é descontinua, unha situación que lamentan estes colectivos desde o punto de vista "cultural e histórico" xa que "os fareiros forman parte do patrimonio cultural da illa de Ons"; tanto polo seu labor de conservación do actual edificio como pola participación ao longo da historia na vida cotiá da illa. Lembremos que, entre outras cousas, exerceron como profesores en determinadas épocas da historia da illa.
Ademais, o Faro de Ons e os fareiros, foron testemuñas de numerosos naufraxios e parte moi activa na mellora da seguridade marítima da zona.
O propio edificio é un museo en si mesmo xa que conserva moitos elementos orixinais da súa inauguración en 1926; como as baldosas de cerámica da “Cartuxa” que recubren as paredes ou os teitos decorados con madeira de cedro. Ademais conta xa cunha importante colección de elementos de gran relevancia histórica e náutica, por exemplo a lámpada Chance con capillos de 85 mm que foi a primeira en iluminar o faro e que aínda funciona.
A súa localización tamén é idónea para a visita xa que ademais de ter un fácil acceso é un miradoiro único sobre as Rías Baixas desde o mar. Desde alí pódense ver as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, coa illa de Sálvora ao norte e o arquipélago de Cíes ao sur. De feito, unha dos roteiros máis frecuentados que fan os visitantes á illa no verán é a do Faro pola súa beleza paisaxística e panorámica. Aínda que a día de hoxe non se pode visitar o propio faro, excepto con reservas concertadas.
Na súa proposta, estes colectivos sinalan que a amplitude do recinto do Faro de Ons permitiría habilitar outras zonas para uso museístico "para as cales non han de faltar contidos dada a historia marítima da zona e o privilexiado do lugar". Así, suxiren contidos como: os naufraxios na contorna de Ons (ou nas Rías Baixas), os fareiros nas illas, historia da sinalización marítima, entre outras ideas. Tamén se pode dotar de contidos sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas (fauna, flora, etnografía, etc).
Lembran ademais que a illa de Ons recibe máis de 130.000 visitantes o ano e forma parte do Parque Nacional, "polo que non lle faltarían visitantes o museo".
Finalmente, advirten de que cada vez que se automatiza un faro comeza o declive do edificio en si, xa que o feito non estar habitado e carecer du uso concreto fai que se vaian deteriorando este tipo de instalacións. Noutros casos, finalizan tendo un uso privado converténdose en restaurantes ou en hoteis.
Por todos estes motivos, estes colectivos entenden que o faro de Ons debería ter un uso público e converterse nun museo.