A praza de touros de Pontevedra reconstruída como "o maior colector cultural e de emprendemento empresarial de Galicia". Esta é a idea que lanzou a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas en colaboración con expertos da Fondation Franz Weber, unha organización suíza colaboradora de UNESCO en materia de protección da biodiversidade.
O proxecto chámase "Praza da Cultura" e incluiría un radical cambio na estrutura da praza de touros pontevedresa, onde se pretenden levantar novas estruturas que sirvan como espazos que alberguen unha aceleradora de creación e fortalecemento de novas empresas por parte de mozos emprendedores, e onde o Concello e outras institucións públicas e de carácter privado poidan compartir o impulso desta modalidade empresarial.
O outro gran polo de atracción da proposta é a adaptación dunha parte do actual coso taurino como anfiteatro multiúsos, algo similar ao que se emprega na Coruña co "Coliseum".
Neste sentido, un avance do documento que queren presentar as entidades ao Concello de Pontevedra nas próximas semanas inclúe diferentes infografías sobre a taxa de creación de emprego das instalacións remodeladas, así como o número de días que podería permanecer ocupadas as salas principais, cuxos promotores calculan en máis de 200 días anuais con todo tipo de programación musical, deportiva ou cultural, ademais dos espazos que ocuparían as novas compañías, que poderían permanecer un máximo de dous anos no viveiro da "Praza da Cultura".
A experiencia previa é positiva, recordan as organizacións impulsoras
Todos os proxectos de reconversión resultaron exitosos, recordan as organizacións impulsoras, e citan entre outros: a praza de touros de Las Arenas en Barcelona, reconvertida nun centro comercial; ÿvora (Portugal) e Zacatecas (México) onde os cosos pasaron a ser hoteis; e outras propostas aínda en desenvolvemento como a idea de que en Viana do Castelo se cree un museo similar á Casa do Home da Coruña na agora clausurada praza.
"A Praza da Cultura pretende rehabilitar un espazo de maltrato animal nun lugar de creación de vida sociocultural", argumentan para defender que a única estrutura tauromáquica da comunidade autónoma se revele "como un espazo singular con novos usos e finalidades".
Loxicamente o principal obxectivo para os abolicionistas é restrinxir de forma definitiva a realización de festexos taurinos na cidade, polo que pedirán o compromiso do goberno local co fin das corridas de touros