O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten en marcha o proxecto de rehabilitación integral dos petróglifos do Lérez, situados en San Xurxo de Sacos, Santa María de Sacos e Fentáns, e vén de cursar a correspondente solicitude ante o Ministerio de Fomento para acadar o financiamento necesario para estas tarefas no marco do 1,5% cultural deste departamento destinado á conservación de patrimonio.
Esta ambiciosa actuación está cifrada, segundo a memoria valorada encargada polo Concello, en 228.000 euros, polo que é preciso que Fomento conceda a axuda do 1,5% cultural para que se poida levar a cabo.
"Estamos convencidos de que o ministerio terá sensibilidade con este proxecto, xa que presentamos toda a documentación, cumprimos con todos os requisitos e ademais trátase duns gravados de gran importancia patrimonial no ámbito europeo", explicou o presidente municipal, Jorge Cubela, que agarda a resolución nos vindeiros meses.
En concreto, a memoria valorada do Concello inclúe a posta en valor dos conxuntos de Lombo da Costa, Laxe dos Cebros, Pedra das Ferraduras e Cernadelo, que contan con motivos moi variados de cazoletas, espirais, combinacións circulares, labirintos, animais, esceas de caza e outras representacións propias da vida na zona entre o Neolítico final e a Idade de Bronce.
O obxectivo pasa pola súa recuperación, identificación, creacións de marcos para contemplación, medidas de protección "sobre todo polos efectos dos lumes forestais" e acceso. Para elo está previsto que se acometan traballos de desbroce, eliminación de rochas soltas, construción de peches perimetrais e camiños, dotación de plataformas e sinalización, prantación de árbores singulares e instalación de subcentros de interpretación. Tras as obras de recuperación, o Concello comprométese ao seu mantemento coas súas brigadas.
Ademais, o Concello vén de salvar unha das principais dificultades que tivo ata a data para optar a fondos para a rehabilitación destes petróglifos do Lérez, xa que acaba de acadar a cesión dos terreos, por un período de 50 anos, grazas ás xestións realizadas por Cubela coas comunidades de montes de San Xurxo, Santa María e Fentáns, que son as titulares dos mesmos.
"Cremos que se trata dunha actuación ambiciosa, importante e necesaria, xa que estamos ante o conxunto de gravados rupestres máis importante de Europa xunto cos de Campo Lameiro e creo que se podería xerar unha sinerxía moi forte co parque existente neste concello veciño, que tamén foi creado coas axudas do 1,5% cultural de Fomento", explicou Cubela, que lembrou que a recuperación e posta en valor do patrimonio e o medio ambiente "conforma unha das estratexias principais do goberno local, xa que se trata de dúas materias nas que temos gran fortaleza e nas que somos líderes a nivel nacional e europeo".