O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña informou este martes da aprobación dun novo parcelamento de terreos situados entre a avenida de Vigo e rúa da Estación que permitirá a construción dunhas 115 novas vivendas na cidade.
Trátase dunha parcela de 2.937 metros cadrados situada entre a avenida de Vigo e a rotonda da rúa da Estación.

Este parcelamento aprobado pola Xunta de Goberno permitirá dividir o terreo en cinco parcelas, das cales, neste momento, son edificables tres coa posibilidade de construír: baixo máis cinco plantas máis planta baixocuberta.
Nesta distribución tamén se poderán abrir tres novos viais -un deles de preferencia peonil, cando menos- cunha superficie total de 925 metros cadrados.

Alberto Oubiña explicou que se trata "dunha moi boa noticia porque era un asunto que levaba moitos anos danto voltas" e permitirá ofertar máis terreo edificable na cidade.

O concelleiro tamén informou dunha licenza solicitada por Mercadona para trasladar o espazo de carga e descarga situado na rúa Santiña á rúa Valentín Paz Andrade, dado que Santiña perde o carácter de circulación convencional coa reforma que está a facer o Concello.
A obra consistirá en eliminar un paso de peóns na metade da rúa e completar as beirarrúas, ademais de pintar a sinalización horizontal.
O custe da obra será asumido por Mercadona por 14.670,66 euros.

Finalmente, Alberto Oubiña informou da situación urbanística actual do alfolí da rúa Galera, no que se fixeron recentemente obras de emerxencia a instancias do Concello porque os últimos temporais tiraron cascallos a rúa causando certo perigo na vía pública.
O Concello está á espera dunha contestación de Patrimonio da Xunta para coñecer se os restos do vello alfolí teñen que protexerse ou non, dado que non están catalogados, e sobre el existe unha solicitude da Sareb para construír un edificio xunto ao taller lindeiro, para o que tamén se solicitou unha licenza de derrube, aínda non concedida á espera da resolución da Xunta.
