Promocionar a arte rupestre que se pode visitar desde Pontevedra como capital das Rías Baixas. ÿ o obxectivo dunha serie de produtos turísticos que porá en marcha a Mancomunidade Terras de Pontevedra. Así o decidiu este luns o seu órgano reitor, presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e que conta con representación dos concellos de Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro.
Estas actividades de difusión turística formarán parte dun convenio que a mancomunidade asinará coa Axencia Galega de Turismo. Terá un importe de 110.000 euros, dos que a entidade turística galega achegará 90.000 euros, e os concellos os 20.000 euros restantes.
Baixo ese convenio se van elaborar distintos produtos turísticos co obxecto de poñer en valor os petróglifos dos concellos da comarca. Traballarase na creación dunha oferta na que se combinen os roteiros coa gastronomía, a accesibilidade e, sobre todo, a configuración de paquetes ben diferenciados.
A estratexia terá moi presente o reforzo da comunicación, especialmente na Internet, dirixida a un público específico. Para elo buscarase o posicionamento na rede dos novos produtos turísticos. Barállase a presenza nun portal de referencia, como é www.arqueotur.org.
Os novos produtos integraranse tamén na rede internacional de "Camiños de Arte Rupestre Prehistórico" e, finalmente, abordaranse accións como a creación dun blog específico e a publicidade en revistas especializadas.