A campaña “Love Rías Baixas” chegará este fin de semana a Bilbao para conquistar ao público vasco. A Deputación de Pontevedra instalará un stand na feira “Expovacaciones. Tendencias & Experiencias” que terá lugar no Exhibition Center da capital viscaína esta fin de semana e ata onde se desprazará unha delegación, liderada pola presidenta Carmela Silva, para dar a coñecer o termalismo, enoturismo, natureza, paisaxe, turismo de ocio e familiar do destino.
“O público vasco é moi interesante para nós e esta feira é de grande interese sectorial xa que está moi enfocada no turismo activo e familiar, elementos centrais do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia”, detallou a mandataria socialista.
A participación en “Expovacaciones”, a primeira feira á que acode tras Fitur e pola que pasarán máis de 30.000 persoas, é unha oportunidade para presentar o destino Rías Baixas ao público final de Euskadi, prioritario para a provincia xa que se trata dun dos principais emisores de turistas cara á provincia e cun elevado interese polo destino.
Así, no stand “Love Rías Baixas” promoverase a provincia para grupos e familias e en ámbitos que a diferencian doutros destinos como son o termalismo, o enoturismo, a natureza, a paisaxe, o turismo de ocio e familiar.
Ademais, a Deputación manterá reunións con outras comunidades autónomas e destinos “que están a promover experiencias similares ás nosas, para establecer esas relacións que nos permitirán presentar proxectos conxuntos aos fondos Next Generation. Imos afondar nos elementos común que logo poderemos converter en proxectos para ser cofinanciados e converterse nos grandes paquetes experienciais que se van poñer en marcha ao longo de todo o territorio”.
O evento contará tamén coa participación activa da Escola Grove Surf Club que, a través do seu director deportivo, Joshua Filgueiras, participará no ciclo de conferencias organizadas ao abeiro da feira.
A feira “Expovacaciones. Tendencias & Experiencias” trátase dun encontro sectorial de alta profesionalización que celebra neste 2022 a súa 42 edición. Ademais da oferta turística tradicional, cultural ou de descanso, de interior ou de costa, nacional ou internacional, tamén teñen presenza na feira o deporte activo, o turismo gastronómico ou o accesible.
Está previsto que participen preto de 200 expositores e a grande parte dos destino de todo o Estado como as deputacións vascas, a de Xaén, Córdoba, Barcelona, Palencia, Salamanca, Girona, Huelva, Tarragona, Málaga, Granada, a illa de Menorca, comunidades como Galicia, Extremadura, Navarra, Valencia, Andalucía, Cantabria, Aragón, Canarias, Murcia e Euskadi así como países como Portugal, Marrocos e Cuba.
Doutra banda, a próxima semana a Deputación participará tamén en Sevilla nun evento organizado pola Spain Film Commission no que participará unha trintena de prodcutoras independentes e estudos de Estados Unidos co obxectivo de atraer producións a España. A Deputación tratará de facer valer o talento da industria audioviosual da provincia, as súas facilidades e os seus escenarios naturais para atraer investimentos.