Progresa o descenso de casos activos na área sanitaria cun lixeiro incremento en hospitalizacións con covid

Pontevedra
29 de marzo 2022

52 pacientes continúan hospitalizados na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, un máis que os notificados o luns. O número de casos activos sitúase en 2.320 positivos, 127 menos que hai 24 horas, con 119 novos contaxios, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade. Saúde Pública informa de sete falecementos en Galicia de persoas infectadas con máis de 69 anos, cinco delas na área sanitaria de Vigo

Datos covid neste martes 29 de marzo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Datos covid neste martes 29 de marzo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

A tendencia continúa á baixa durante esta última semana de marzo no número de casos positivos con covid na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Este martes 29 rexístranse 2.320 casos activos, 127 menos que durante a xornada do luns, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade.

Aumenta nun paciente o número de persoas hospitalizadas. Neste martes, 52 enfermos con coronavirus están hospitalizados na área: 40 (+1) no Hospital Montecelo e 10 no Hospital do Salnés. A eles hai que sumar dous pacientes que se manteñen na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, os mesmos que se rexistraron na xornada do luns.

Nas últimas horas realizáronse 145 probas PCR co resultado de 119 novos contaxios. Non se notificaron novos falecementos na área, polo que o número de mortes como consecuencia do virus sitúanse en 266 pacientes. Curáronse 60.392 persoas, 246 máis que na xornada de onte.

SETE FALECEMENTOS EN GALICIA

Saúde Pública notificou este martes sete falecementos con covid-19 en Galicia correspondentes ás xornadas do 25, 26 e 27 deste mes. Trátase de persoas con idades comprendidas entre os 69 e os 92 anos, que contaban con outras enfermidades nos seus historiais clínicos. Cinco delas falecían na área sanitaria de Vigo. A cifra total de mortes con esta enfermidade ascende a 3.207 vítimas na comunidade.

O número de casos activos nesta xornada en Galicia descende en 963 persoas, ofrecendo unha cifra de 20.876 positivos. Deste número de enfermos, 467 atópanse hospitalizados, catro máis que onte; aos que hai que sumar 25 en Coidados Críticos, a mesma cifra que o luns.

Por áreas sanitarias, os casos repártense do seguinte modo: A Coruña-Cee: 4.335 (-233); Vigo: 3.960 (-208); Santiago-O Barbanza: 3.427 (-190); Lugo: 2.438 (-150); Pontevedra-O Salnés: 2.320 (-127); Ourense: 2.273 (+56); Ferrol: 2.045 (-102);  e sen área sanitaria asignada: 78 (-9).

Detectáronse 1.291 positivos novos de coronavirus na comunidade. Trátase de 932 contaxios diarios menos respecto a os de onte, e 999 menos en relación aos rexistrados hai unha semana.

Segundo indican desde a Consellería de  Sanidade, nos datos rexistrados este martes constan aínda os autotest, correspondentes aos rexistrados o domingo, pero xa non figuran os realizados o luns, debido á entrada en vigor do novo protocolo. Este mércores xa non aparecerán datos de autotest nestas estatísticas facilitadas polo Servizo Galego de Saúde.