Programan visitas guiadas ao convento de Santa Clara para os veciños do rural

Pontevedra
24 de marzo 2023

Serán un total de 33 visitas guiadas para os veciños do rural, en grupos de 30 persoas cada unha, os días venres 14, sábado 15 e domingo 16 de abril

Visitas guiadas a Santa Clara
Visitas guiadas a Santa Clara / Cristina Saiz

Máis de 17.000 persoas visitaron o convento e os xardíns de Santa Clara desde que se materializou a súa compra por parte do Concello de Pontevedra en maio do ano 2021 e a día de hoxe "segue habendo demanda" para coñecer o antigo cenobio das Clarisas. 

O concelleiro de patrimonio histórico, Xaquín Moreda, anunciou este venres novas visitas guiadas a Santa Clara. Nesta ocasión serán visitas específicas para os veciños do rural pontevedrés.

O percorrido será o das últimas xornadas de portas abertas no que se fará unha recepción na igrexa onde verán un vídeo introdutorio, a continuación farán un percorrido polo recinto conventual coñecendo todos os traballos arqueolóxicos realizados. Volverán facer de guías os propios arqueólogos que levaron a cabo esta investigación.

Se programaron un total de 33 visitas guiadas para os veciños do rural, en grupos de 30 persoas cada unha, os días venres 14, sábado 15 e domingo 16 de abril.

Para participar é preciso inscribirse previamente nas propias asociacións de veciños que xestionarán esta actividade. O número de prazas para cada asociación distribuíuse en función do número de habitantes de cada parroquia á que pertencen.

Xaquín Moreda apuntou que no Concello "estamos abertos a facer todas as visitas que sexan necesarias".

O recinto estará dispoñible mentres non empecen as obras de rehabilitación de todo este espazo.