Programada para este xoves 11 unha xornada activista en defensa do monte Acibal

Pontevedra
09 de xaneiro 2024

O acto contará coa proxección dun documental, a lectura do manifesto e un faladoiro entre diferentes representantes de colectivos ecoloxistas. Será este xoves 11 a partir das 20.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra

Monte Acibal
Monte Acibal / Asociación A Forneiriña

Este xoves 11 de xaneiro a partir das 20.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá unha xornada activista baixo o título de 'Salvemos o Acibal'.

Neste monte estaba en marcha a execución do parque eólico Acibal, situado entre os municipios de Barro, Campo Lameiro e Moraña. En outubro de 2023, unauto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou cautelarmente estas obras ao entender que "afectan os hábitats de interese comunitario e de especies catalogadas situados no humedal das Brañas de Amil".

Durante o evento proxectarase inicialmente o documental 'Derrubando Xigantes: Amil. Unha historia de loita polo patrimonio histórico', cunha duración de 20 minutos, na que se narra a loita contra as instalacións eólicas no municipio de Moraña.

A continuación, Martina Viéitez, do colectivo A Forneiriña, será a encargada de ler o Manifesto Acibal.

Este manifesto foi elaborado en defensa dos montes e dos seus bens. Trátase dun escrito apoiado por personalidades da cultura galega e xa asinado por máis de mil persoas.

Por último, o acto concluirá cun faladoiro sobre 'Territorio e paisaxe', coa intervención de Nery Díaz, de Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde; Benito Andrade, integrante da asociación pola Defensa da Ría (APDR); Lucas Andión, do colectivo Amil Sen Eólicos; e Antón Sobral, membro do Ateneo de Pontevedra.

A entrada é libre ata completar a capacidade do Teatro Principal.

Arquivado en