A asociación Amizade executou durante o ano 2024 un programa co que ofreceu servizos e actividades dirixidos á mellora da calidade de vida e da autonomía persoal das persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra.
Este programa, coordinado por unha educadora social, chegou a máis de 80 persoas con discapacidade física, intelectual, sensorial, orgánica ou mixta, así como as súas familias e a contorna na que desenvolven as súas actividades diarias.
Dentro dos servizos e actividades máis demandadas da asociación, atópanse as saídas de ocio, servizo de información e asesoramento ou reunións de empoderamento das mulleres con discapacidade, entre outras.
Tamén se realizaron charlas de sensibilización en colexios, reunións de incidencia política, realización dunha xornada multideportiva accesible e un servizo de asesoramento en accesibilidade para quen o precise.
Este programa materializouse por mediación da Confederación Galega de persoas con discapacidade (COGAMI) e grazas á financiación da Xunta, procedente dos fondos do 0,7% do IRPF, é dicir, das achegas das persoas que marcaron a X no recadro de "actividades de interese social".
O presidente de Amizade, Paulo Fontán, recalca a importancia do traballo das asociacións para a defensa e a loita polos dereitos das persoas con discapacidade, e anima a todas as persoas a que se fagan socias das distintas entidades, de maneira que respalden e apoien o seu traballo e o seu peso representativo.
Segundo o censo da Consellería de Política Social e Igualdade, durante o 2023 estaban censadas 94.639 persoas con discapacidade na provincia de Pontevedra. "Trátase pois, dun número de persoas de considerable relevancia como para telo en conta nas políticas sociais públicas", destacan dende Amizade.
Esta asociación creouse no ano 1988 a través dun grupo de persoas con discapacidade que decidiron crear na comarca unha entidade co obxectivo de defender os seus intereses individuais e colectivos.