Vigo puxo os seus ollos sobre o río Verdugo para solucionar os seus problemas de abastecemento de auga. Xa o facía no pasado, provocando un profundo malestar en Ponte Caldelas e Soutomaior. Agora, con proxecto na man, volve á carga.
O sistema proposto por Vigo, entre outras consideracións, prevé garantir a subministración de auga a toda a súa área metropolitana a través dos ríos Verdugo e Oitavén. No punto de recollida, na confluencia de ambos os leitos, queren bombear 500 litros de auga por segundo.
O proxecto inclúe ademais a construción dunha nova presa en Forzáns (Ponte Caldelas) con capacidade para 7,4 hectómetros cúbicos, que custaría máis de 12 millóns de euros. Tería unha lonxitude estimada duns 330 metros e unha altura de ata 50 metros.
A maiores, habería que ampliar a capacidade de impulsión da rede para que a auga extraída do Verdugo puidese chegar ao encoro de Eiras, para posteriormente distribuíla ata Vigo.
A reacción a este proxecto, encargado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, non se fixo esperar en Ponte Caldelas. "Paréceme moi pouco serio que teñamos que enterarnos pola prensa", asegurou o alcalde, Andrés Díaz.
"Dá a impresión que son ideas e ocorrencias que teñen pouco sentido", subliñou en conversación con PontevedraViva. Díaz entende que é, como mínimo "irresponsable", expor unha actuación deste calado sen falalo antes cos concellos afectados.
Sexa como sexa, o alcalde insiste en rexeitar esta solución para abastecer de auga a Vigo e a súa área porque "ten que haber máis solucións que non sexan desvestir a un santo para vestir a outro", xa que reitera que o Verdugo "non ten auga suficiente para algo así".
Defende que "non se trata de egoísmo" senón dunha cuestión que afecta á supervivencia do seu propio municipio. Gran parte do seu territorio se abastece a través de 29 traídas veciñais e no verán a auga escasea, polo que "a nosa obrigación legal é a de darlle auga a todos".
"A nosa única fonte é o Verdugo. Del depende o noso futuro", reitera Andrés Díaz, que afirma que se se autoriza a captación de auga río abaixo "non nos darían outra aquí arriba" e máis, cando no verán, o seu caudal é moi escaso.
Ademais, Díaz denuncia que a área de Forzáns na que prevé a nova presa "é unha zona de vivendas", polo que sostén que "non podes soltar as cousas así sen comunicarse con ninguén". Tampouco recibiron o estudo realizado, que agora esixirán pola vía de urxencia.
O alcalde de Ponte Caldelas considera que este proxecto supón unha "clara vulneración" da autonomía municipal e lamenta que as autoridades "non pensen en fórmulas e solucións pensando en todos e non só en Vigo e a súa contorna".
"O normal é que a auga a Vigo chegue desde o Miño porque é un río sempre caudaloso", sentencia o rexedor caldelano, que recoñece que sería unha solución máis cara pero "menos traumática para todos", tamén para o concello veciño de Soutomaior.
A este respecto, Andrés Díaz advirte ao Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica que chegará á vía xudicial "se fai falta" para defender os intereses do seu concello e aos seus veciños ante este tipo de comportamentos.
Desde o Partido Popular tamén se sumaron a este rexeitamento expresado polo alcalde, ao entender que este proxecto supoñería un "atentado gravísimo" contra o patrimonio natural do municipio, asestando un "golpe mortal" para a biodiversidade da zona.
Os populares manifestan o seu "rexeitamento total e sen paliativos" a que se instale unha "mole" nunha zona de Forzáns, "practicamente virxe e cunha variedade biolóxica insubstituíble".
Esixen que no canto de facer transvasamentos desde o Verdugo, as autoridades deben realizar un estudo técnico "serio e independente" para buscar outras alternativas e que, entre outras cuestións, cuantifique as perdas de auga que se rexistran na rede que abastece a Vigo.