Profesionais veterinarios reclaman á Xunta nun congreso en Pontevedra que obrigue a vacinar os cans da rabia

Pontevedra
07 de setembro 2023

O Pazo da Cultura acolle desde este xoves 7 ata o sábado 9 a décima edición do congreso Vetnoroeste onde se dan cita 140 profesionais encargados da saúde dos animais. Neste encontro demandarán a aplicación obrigatoria da vacina da rabia en Galicia e analizarán a Lei de Benestar Animal aprobada este 2023. Haberá talleres e relatorios de especialistas internacionais sobre diferentes enfermidades que afectan ás mascotas

Gatos abandonados en Pontevedra
Gatos abandonados en Pontevedra / Difusión Felina - Arquivo

140 profesionais veterinarios participan desde este xoves ata o sábado 9 de setembro na décima edición do Congreso Vetnoroeste, que se desenvolve no Pazo da Cultura de Pontevedra, un lugar de encontro para numerosos especialistas en saúde de mascotas e animais de granxa.

Ao longo destas xornadas realizaranse talleres e relatorios da man de prestixiosos veterinarios como o cirurxián torácico Roberto Bussadori, Diego Esteban Saltiveri, Raquel Santiago, Diego Villalaín, Gerardo Rivero e Óscar Beceiro. Entre outros temas vai tratarse a laserterapia en medicina interna, hipertensión arterial en gatos, derrames pleurales ou o linfoma alimentario.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, mantiña un encontro este xoves con Luis Núñez, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, e con María Magariños, vicesecretaria da organización, responsables do evento que agradeceron a colaboración do Concello para realizar este congreso.

Luís Núñez indicaba que o encontro vén marcado pola aprobación neste 2023 da Lei de Benestar Animal, que conleva cambios importantes co establecemento de que todos os cans e tamén os gatos deberán dispoñer dun chip identificativo a partir do 29 de setembro; a imposición dun seguro de responsabilidade civil ou a obriga de realizar un curso de formación para todas as persoas propietarias de mascotas.

"Esta lei vén a encher un oco que non existía", manifestou Núñez para criticar que algunhas cuestións se lexislaron sen concretar como, por exemplo, quen se encargará de impartir os cursos de formación de carácter gratuíto. 

Outro dos puntos que se tratará neste Congreso será a reivindicación do colectivo profesional á Xunta de Galicia para que obrigue a vacinar de rabia os cans. O presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra alertou de que Galicia é a única comunidade española, xa que Cataluña está a regular agora esta situación, na que non é obrigatoria esta vacina. Os veterinarios consideran que é unha medida preventiva necesaria porque hai casos de rabia en Portugal e, ademais, Galicia é un espazo de entrada de animais procedentes de diferentes continentes a través do tráfico portuario. 

Actualmente en Poio, Marín e Pontevedra atópanse rexistradas 30.000 mascotas; das que 20.000 pertencen á capital. A provincia conta con 800 veterinarios, cunha tendencia maioritaria durante os últimos anos dun maior número de veterinarias que se cifran en 430 fronte a 370 homes.

A pesar de que recoñecen que no ámbito de granxas bovinas ou porcinas, o paro nesta profesión non existe, Luis Núñez recoñece que o principal problema ao que se enfrontan é a precariedade laboral e a carga psicolóxica que vai asociada ao tratamento dos animais.