Máis de douscentos profesionais, un cento de vehículos e material de emerxencias, así axuda Galicia

Pontevedra
05 de novembro 2024
Actualizado: 6:36

Tal e como salientou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "todas as administracións estamos remando a unha en Galicia para ofrecer os medios que nos son requiridos".

Envío de material a Valencia
Envío de material a Valencia /

O Consello da Xunta avaliou na xuntanza deste luns o continxente de profesionais e medios de emerxencias coordinados polo Goberno galego en resposta ao chamamento feito pola Comunidade Valenciana para o apoio ás persoas afectadas pola catástrofe natural.

Trátase de douscentos técnicos de distintos departamentos autonómicos e de administracións locais, xunto con case un cento de vehículos e diverso material de emerxencias.

Tal e como salientou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, "todas as administracións estamos remando a unha en Galicia para ofrecer os medios que nos son requiridos".

Do mesmo xeito, Rueda agradeceu "a solidariedade de todos os galegos e o seu compromiso amosado estes días", referíndose tanto a cidadáns anónimos como aos profesionais das emerxencias e do traballo neste tipo de situacións que "voluntariamente se ofreceron para botar unha man e axudar nuns momentos nos que a súa axuda é especialmente necesaria".

Envío de material a Valencia
Envío de material a Valencia

Así, o primeiro continxente, que xa está en Valencia, está integrado por case un cento de profesionais. Trátase de seis efectivos do Grupo Operativo de Actividade Subacuática da Policía Autonómica e outros sete do Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, xunto con 60 da Consellería do Medio Rural, entre os que figuran bombeiros forestais, condutores, axentes ambientais e un posto de mando avanzado con técnicos, entre outros. A maiores, mobilizáronse cinco membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Mos (GES) e dous voluntarios de Protección Civil do Rosal.

En canto aos medios materiais, enviáronse 20 vehículos todoterreo, cinco furgonetas, sete motobombas, un bulldozer, un tractor, un remolque, dúas nodrizas, unha balsa pneumática e unha kayak de salvamento, entre outros vehículos. A maiores, puxéronse a disposición material de salvamento e socorrismo, equipamento de primeiros auxilios, equipos de mergullo, drons, bombas de achique, equipos de iluminación e mangueiras, entre outros.

A saída dos diferentes integrantes fíxose o domingo á noite desde diferentes puntos de Galicia, para xuntarse na localidade zamorana de Benavente e dirixirse así cara a Valencia.

Este luns o Goberno galego coordinou un segundo envío conformado por outro cento de profesionais dos bombeiros municipais da Coruña, de Santiago de Compostela, de Lugo, de Ferrol e Vigo e do Consorcio de Bombeiros de Pontevedra, ademais dos GES de Ponteareas, da Mancomunidade Terra de Celanova e Padrón, e voluntarios de Protección Civil de Verín, Boiro, Mazaricos, Carballo Tui, Muxía, Val do Dubra, Moraña, Cuntis, Portas, Ferrol, Vilalba e Viveiro. Sumouse ademais a unidade de cans de salvamento (Casaga) e un equipo do Concello de Cambados.

O material mobilizado por este segundo continxente suma unha vintena de todoterreos e pickups, catro furgonetas, tres motobombas e sete remolques entre outros vehículos, e numeroso material de apoio como bombas de achique, equipos de excarceración, drons, material de rescate acuático e altura, xeradores e tendas de emerxencias.  

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López autorizou a mobilización de persoal e medios da Deputación para prestar a máxima axuda posible ás persoas afectadas.

Medios enviados polo Consorcio provincial contra incendios
Medios enviados polo Consorcio provincial contra incendiosDeputación de Pontevedra

Os envíos enmárcanse no labor de coordinación impulsado pola Xunta o pasado sábado, tras a petición de novos medios por parte da Comunidade Valenciana en apoio ás persoas afectadas pola DANA. Así, nesa xornada reuníanse a través dunha videoconferencia xunto con representantes da Delegación do Goberno en Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e das catro deputacións provinciais, así como responsables de servizos provinciais e municipais de emerxencias de Galicia.

Na xuntanza acordouse que a Xunta centralice e coordine o envío de profesionais e medios de emerxencias que se envíen desde Galicia e que sexan requiridos desde o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat valenciana. Estase a efectuar a través do 112 Galicia onde as distintas administracións e organismos comunicaron os seus medios dispoñibles. Estes datos trasládanselles á Comunidade Valenciana e ao Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias (CENEM).

Efectivos enviados desde Cambados
Efectivos enviados desde Cambados

Desde a Xunta séguese a disposición da Comunidade Valenciana nos medios que demande para colaborar nas tarefas que os centros de mando da autonomía soliciten.