Os profesionais do sector turístico que ao longo dos últimos meses tomaron parte nas iniciativas do programa Descubre Poio, puxeron este luns o punto e final á programación cunha visita guiada á illa de Tambo.
A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, agradeceu a colaboración dos integrantes da Asociación Irmandade Illa de Tambo, que se encargaron de achegar os seus coñecementos sobre o patrimonio e a historia da illa.
Esta visita realizouse logo de que a semana pasada finalizasen as reunións de traballo que se realizaron no Centro de Formación da Reiboa, e ás que tamén hai que sumar os diferentes cursos formativos que se levaron a cabo desde novembro.
"A valoración é moi positiva", indica a titular de Turismo, que salienta o "diálogo fluído" que se consolidou entre a administración local e o sector. "Este programa foi impulsado para ofrecer ferramentas e accións encamiñadas a potenciar e profesionalizar o sector, ao mesmo que se buscaba establecer unha canle para o intercambio de ideas, propostas e iniciativas", sinala a concelleira de Avante Poio.
En vista do éxito, a edil de Turismo confirmou que Descubre Poio contará cunha segunda edición, que se desenvolverá a finais deste ano, unha vez pasada a tempada alta estival.